skip to Main Content
52641215 2250675221638134 5738744969439477760 O

Seguimos a ruta da moda galega, visitamos Adolfo Domínguez

O pasado venres 22 de febreiro tivemos unha oportunidade de ouro, facer unha visita á sede de Adolfo Domínguez en Ourense, recibidos pola CEO da marca galega e membro da terceira xeración da familia fundadora, Adriana Domínguez.

Din que a terceira xeración dunha empresa familiar é a que a leva á quebra e baseándonos nos números poderiamos afirmalo xa que no noso país 8 de cada 10 non superan esta barreira xeracional, pero Adolfo Domínguez é o caso contrario. A chegada de Adriana Domínguez fai algo máis dun ano deu un xiro e a renovación necesaria para levantar unha marca que non pasaba polos seus mellores momentos.

A pequena charla de benvida que nos ofreceu a CEO da marca foi moi interesante, puidemos coñecer de primeira man como xestionan a comunicación, a importancia que lle dan, tanto á externa como á interna, o cal poderiamos consideralo gran parte do seu éxito. Conseguir conservar o talento adoita ser unha das tarefas pendentes de moitas empresas, e unha comunicación interna eficaz é clave para logralo. A comunicación externa tamén sufriu unha renovación e asumindo moitos riscos tomaron boas decisións que lles levaron a crear varias campañas de éxito, como a soada #estonoesunselfie ou a de #semasviejo.

“Somos unha marca de deseño, de autor” contábanos a propia Adriana cando explicaba o valor engadido que querían transmitir nas súas pezas, “vimos dunha sastrería e por iso coidamos moito o corte, a calidade dos tecidos, o fitting” No mundo do fast fashion queren relacionar a súa marca coa durabilidad, a sotenibilidad e a calidade.

Tras o encontro con Adriana Domínguez puidemos percorrer o resto das instalacións, desde o almacén de tecidos, a zona de deseño, a patronaxe, o planchado, empaquetado e distribución desta marca con tendas en todos os continentes (acaban de abrir en Australia) e que se deseña e produce practicamente na súa totalidade en Ourense, a sede central onde traballan aproximadamente 300 persoas.