Lois Vázquez, coordinador de marketing de Visual Trans falounos sobre como implementar unha estratexia de marketing B2B orientada ás vendas
A creatividade ao servizo das marcas
O pasado mércores estivemos disfrutando dun afterwork moi creativo impartido por Andrea Espiña, directora creativa da axencia Lachary e presentado por Alberto Granada, socio de Markea e director de marketing de Grupo Acuña Ons.
Andrea contounos diferentes casos de campañas onde a creatividade foi a absoluta protagonista. E tamén indicou que dá igual o sector onde traballes, porque a creatividade pode deixarse ver sempre. E para iso contou o caso de Galpi, unha empresa de pinturas B2B.
A boa creatividade ten moito sentido común
Andrea explicou que a creatividade ten que respostar a unha visión estratéxica a curto, medio e longo prazo e involucra a diferentes áreas da empresa, como pode ser o packaging ou o propio produto.
A creatividade pasa por presentar un produto ou un servizo que se posicione na mente do consumidor, que non só chame a atención, senón que conecte con persoas.
Creatividade a través do atrevemento
Tendemos a ser moi politicamente correctos e buscar copys que non molesten a ninguén. Unha marca moi nova, e que o está facendo moi ben, é a marca de hamburguesas Vicio. Defínense como unha empresa 100% dixital, que só ten 2 anos de percorrido e que traballan a creatividade e un branding con moita personalidade.
Presentan o seu produto como un obxecto de desexo e de rebeldía (naceron como unha dark kitchen). E o seu claim é Te damos lo tuyo e Con ganas de vicio.
A súa liña comunicativa é amosar o seu produto cunha estética moi coidada, pero sen facer alusión a promocións e descontos.
Andrea tamén fixo alusión á campaña máis sonada de Vicio, onde mencionaban de forma moi sutil ao seu competidor, Goiko, utilizando a imaxe da influencer Jessica Goicoechea.
A creatividade está tan integrada en Vicio que teñen o seu propio equipo de marketing interno.
A creatividade a través das emocións
Conecta + pon os pelos de punta + fai que o teu anuncio non se esqueza aos 10 minutos.
Andrea comentou o caso da campaña de Bankinter no medio da pandemia: medidas concretas.
Bankinter conecta coa poboación, tentando humanizar o diñeiro e os servizos do banco. Vemos que non só é un spot, senón que anuncian unha serie de medidas concretas para axudar aos seus clientes.
O vídeo tivo máis de 2,5 millóns de reproducións en YouTube, a canción foi a primeira máis buscada en Shazam en abril 2020 e os indicadores da marca medraron nun 10%.
Andrea reflexiounou sobre que a creatividade ten que conectarse co momento.
Traballar a creatividade dende a identidade
A última das liñas analizadas por Andrea foi sobre a campaña de Afouteza para o Celta de Vigo. O Celta non tiña unha identidade marcada, e o que querían eran crear unha identidade que reflexase a emoción e o momento histórico do club.
Analizaron a competencia e utilizaron a palabra Afouteza, que aparecía no seu himno e que non ten significado literal en castelán. Para iso vincularon a palabra coa campaña de abonados, para testear se realmente gustaba.
E o impacto foi brutal.
Afouteza converteuse na palabra galega do ano. Ademais gañaron o terceiro posto nos premios nacionais de marketing e o club foi recoñecido a nivel nacional e internacional.
Como conclusións, Andrea comentou que unha boa creatividade diferencia ás marcas e axuda a conseguir os obxectivos. A creatividade practícase, apréndese, vívese e transmítese.
Graciñas Andrea, e moita sorte co proxecto de The Brand Building School, a primeira escola creativa de Galicia.