Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
A importancia das narrativas transmedia para conseguir unha maior difusión das campañas
Uqui Permui, directora do estudio creativo uqui.net, explicou a relevancia das narrativas transmedia para obter unha maior difusión dos proxectos. Así nolo contou Uqui hai uns días no afterwork celebrado na Fundación Didac, en Santiago de Compostela.
Uqui comezou repasando os traballos máis importantes durante os seus case 25 anos de traxectoria. Por exemplo, a creativa está detrás da actualización do logotipo do Xacobeo 2021 ou da Exposición Gallaecia Petrea. E o máis curioso, dende hai uns anos está a traballar co cociñeiro Estrela Michelin, Alberto González, no deseño de cartas e empratados no seu restaurante, o Silabario. Ambos déronse conta que a través da escolla da cor do prato ou da representación dos elementos no prato, podemos enfatizar un sabor. O deseño e a cociña poden ir da man 🙂
Pero un dos traballos máis destacados de Uqui Permui foi a creación da campaña En Negro Contra as Violencias, unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas e que xorde no 2015 en Santiago. Ano tras ano foi medrando e involucrando a máis concellos, establecementos e empresas, chegando a expandirse de forma viral máis aló das nosas fronteiras.
E isto débese grazas á construción da campaña en base ás narrativas transmedia, onde un contido transcorre por moitos formatos. Esta ferramenta é propia de súper producións, onde un mesmo contido pode ser explotado polo cine, literatura, o sector da moda ou a industria do videoxogo. Pero Uqui demostrou que cunha boa idea podemos romper estándares.
E así é, porque En Negro Contra as Violencias naceu en Santiago para involucrar ao comercio local, pero o bo facer dos creadores fixo que todo o mundo quixese participar. A través da web podes descargar material xa deseñado como cartaces con diferentes frases ou tamén camisolas, bandeiras, pulseiras, panos e un longo etcétera. Tamén podes rexistrarte e personalizar o teu material co nome do teu concello ou empresa. Unha acción de 10!
Dende Markea queremos agradecer a Uqui por compartir o seu tempo connosco e deixarnos coñecer o enorme talento que temos na terra. E como non a dinahosting por apoiar e facer posible os nosos afterworks.