Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
A importancia do dashboard na túa estratexia de marketing dixital
A primeira sesión do Congreso Flúor foi a cargo de Tristán Elósegui, consultor de marketing dixital. Tristán apuntou que vivimos empeñados de ter o dato, pero o máis importante é a información que o dato desprende e co que podemos tomar decisións útiles para a nosa empresa. Dispoñer dun dashboard ben definido e actualizado é clave para unha estratexia de marketing dixital.
1. Empecemos polo principio, que é o dashboard
O dashboard é unha representación gráfica das principais métricas de negocio, e o seu obxectivo é axudar á toma de decisións para optimizar a estratexia da empresa. Un dashboard que contén indicadores axuda a transformar os datos en información e estes en coñecemento para o negocio.
Visión estratéxica do negocio
- Unha boa definición dos obxectivos de marketing e de negocio
- Establecemento de macro e micro conversións sobre feitos obxectivos e medibles na nosa web para asocialos ás etapas do proceso de compra
- Coñecer o contexto onde nos movemos (mercado, competencia, etc)
Unha boa análise dos datos
- É importante contar con persoal cualificado. Tristán Elósegui apuntou que por 100 euros investidos, 90 deben estar destinados ás persoas e 10 ás ferramentas
- Coidar que os datos sexan de calidade e que ofrezan unha imaxe fiel á realidade
- Elaborar un dashboard ben definido (seleccionando KPIs e métricas), configurando unha ferramenta de medición e definindo a visualización do mesmo
2. Análise do dashboard
As métricas do dashboard deben contar unha historia, e ir do global ao específico. Elósegui aconsellounos amáis que non teña máis de 10 KPIs e que sexa unha foto fixa da realidade.
Un bo dashboard é coma un semáforo, a través das súas luces indícanos as decisións a tomar.
3. Consellos para elaborar un dashboard
- Fixarnos en que sexa facilmente entendible tanto para a persoa que o realiza como para os clientes que o van ler
- Seleccionar ben as métricas a analizar, que describan ben o negocio e que sexan interesantes para o cliente
- Non describas. Vai máis aló analizando: que pasou?; por que pasou?, recomendacións baseadas nos datos e resultados que esperas despois de poñer en prácticas as recomendacións
Para concluír, Tristán Elósegui indicounos escoller un cadro de mando que se axuste ás nosas necesidades, e aportou diferentes exemplos. Graciñas por esta fantástica charla!