skip to Main Content
Afterwork Vizhoja

A innovación non é incompatible cun sector tradicional como o vitivinícola

E vaia se non teñen razón! O pasado mércores Cris Costa, directora de Marketing de Marqués de Vizhoja, rompeu uns cantos mitos sobre como é o marketing en sectores tradicionais. Falou sobre como a industria do sector bodegueiro se está a adaptar ás preferencias do consumidor, facendo unha revisión das canles de comunicación e distribución. E a tecnoloxía é un ingrediente fundamental nesta adaptación.

Este terceiro afterwork na casa do ano, foi presentado por Jessica Rey, responsable de marketing de Xanceda. E puidemos vivilo e desfrutalo grazas á plataforma Vidiv!

Innovación de produto

Cris comezou explicando todas as novidades que foron lanzando nos últimos meses relativas ao produto:

  • Instauraron etiquetaxe na súa botella Torre La Moreira en braille, para chegar a persoas con discapacidade visual
  • Tamén mudaron os tapóns das botellas dos seus licores e a súa forma é máis ancha, o que permite diferenciala nas liñas dos supermercados. Este cambio tamén impide que a botella poida ser rechea con outro licor que non sexa Marqués de Vizhoja
  • Para a súa chegada ao mercado de Puerto Rico, mudaron a etiquetaxe das súas botellas con nomes de praias recoñecidas do país. A iniciativa tivo moi boa acollida, que serviu de elemento para empatizar co seu consumidor
  • E lanzaron as Gotas do Marqués, monodoses de licor para desfrutalo co café á venda na súa tenda online
Afterwork Vizhoja 2

O cliente no centro

En Marqués de Vizhoja poñen ao seu cliente no centro. Fixeron varias investigacións do mercado e averiguaron que o viño tiña dúas barreiras de entrada: que as botellas son moi grandes, e que non refrescaba. E puxéronse mans á obra. Decidiron crear botellas máis pequenas, para un só consumo e innovar na receita.

E venden packs de produtos personalizados! A quen non lle gustaría recibir un agasallo así?

Afterwork Vizhoja 3

A innovación por bandeira

Cris contábanos que uns días antes do confinamento recibiron 6000 cepas de Albariño. Lonxe de paralizarse, e co obxectivo de sacar un sorriso aos seus clientes, decidiron lanzar un apadriñamento de cepas. Na imaxe podedes ver as placas cos nomes. Todo un acerto!

Pizarras Cepas Apadriñadas

En todo o recinto das bodegas pódense ver mostras da súa creatividade: vigas convertidas en mobles, portarolos de papel feitos con cepas, os espellos son portas e as pías son cubiteiras para enfriar as botellas de viño.

Colaboracións

Colaboraron con ReiZentolo na creación dunha colección de roupa e accesorios para “sentirte coma un marqués” na túa propia casa. Podes botarlle un ollo neste enlace.

Tamén colaboraron cunha rede de restaurantes na creación de receitas moi sabrosas maridadas con 3 variedades de viños de Marqués de Vizhoja, e situáronse ao lado da restauración nos momentos máis complicados.

Ademais colaboraron con Rituals e con Olympus, dúas marcas ben recoñecidas, para a creación de contido variado e que conecte con novos públicos.

Canles de comunicación

Por último Cris falou das canles de comunicación que empregan para conectar cos seus clientes:

  • Renovaron a súa páxina web para adaptala aos novos tempos, e dispoñen dunha tenda online para poder mercar os seus produtos
  • Fixeron un focus group con mozos e mozas para saber con que momentos e sensacións se asocia o consumo de viño. Todas esas palabras formaron parte do packaging das súas caixas de viño
  • Utilización das web stories para a creación de historias
  • Uso do seu espazo, das súas bodegas, como lugar de enoturismo

Moitas grazas Cris e Jessica por participar neste afterwork e noraboa por todo o bo traballo feito. É unha marabilla coñecer casos de éxito tan relevantes coma o voso.