Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
Achegámonos a Briefing Galego
Como cres que naceu Briefing Galego? Cal foi a súa primeira entrevista? Se pertences ao mundo do marketing de Galicia, seguro que máis dunha vez te fixeches estas preguntas. Nós si, e por iso convidamos ao seu director, Fernando Rodríguez de la Torre, ao afterwork celebrado a semana pasada en Didac, en Santiago de Compostela, para que nos despexara todas as dúbidas.
Fernando comezou contándonos que Briefing naceu hai 10 anos nunha praia, sitio ben curioso, non si? Tamén nos explicou que sempre quixeron manter no anonimato a identidade dos seus fundadores, xa que así preservaban a neutralidade do medio. Pero este mundo é pequeno, e ao final tiveron que revelar quen se atopaba detrás do blogue para evitar a rumoroloxía.
A súa primeira entrevista foi ao director da axencia Bap&Conde, Miguel Conde, e dende entón, publicaron 1183 campañas, 78 entrevistas, 42 traballos de freelances e 1228 noticias. Preguntámoslle a Fernando se era difícil manter o ritmo de publicación diaria, e comentounos que ás veces tiñan ese medo de non ter un contido para cada día, pero 10 anos despois, aínda non tiveron que enfrontarse a ese medo. Iso quere dicir que en Galicia facemos moitas cousas, e ben 😉
Respecto á forma de publicación de Briefing Galego (a páxina ten formato de blogue cunha noticia principal), Fernando explicou que as visitas a Briefing teñen unha media de poucos minutos, e a noticia principal debe lerse nese anaco que temos para poñer ao día os nosos emails ou mentras tomamos o primeiro café da mañá.
Para rematar, Fernando indicounos que en Briefing podes atoparte un gran repositorio das campañas publicadas en Galicia durante estes 10 anos e analizar que se fixo ata o momento. Tamén dispoñen dunha útil sección de publicación de ofertas de emprego, e un directorio por provincias das nosas axencias.
Graciñas a Fernando por aceptar o noso convite e a dinahosting polo seu apoio ao marketing en Galicia. Ata a próxima!