skip to Main Content
Situm

Achegámonos á startup galega SITUM

Como cada martes, e xa van 5 consecutivos, o sector do marketing en Galicia xuntouse no xa tradicional #afterworkathome dende a súa casa.

Desta volta David Oreiro, Marketing Manager da startup galega SITUM, contounos os pasos que foi dando a compañía ao longo dos 6 anos para convertirse en referentes mundiais en xeolocalización, navegación e monitorización de interiores. Acompáñasnos?

Como xurdiu Situm?

David comezou narrando que a idea de negocio comezou da man de tres investigadores da Universidade de Santiago, ao detectar que en edificios con pouca ou mala cobertura non se pode usar o GPS tradicional, e que as solucións alternativas que existían eran moi caras.

Segundo estudios, as persoas pasan o 90% do seu tempo en espazos interiores. E todos temos un robot que levamos enriba, que é o teléfono móbil

David Oreiro

Con ese dato na man, os tres emprendedores construíron unha solución baseada en combinar sinais existentes, como WIFI, bluetooth e sensores inerciais do móbil, xuntáronno cun algoritmo IA e crearon unha ferramenta de guiado e posicionamento de máxima precisión e mínima infraestrutura.

Situm
Esquema da tecnoloxía de @Situm

Tras nacer como unha spin-off da Universidade compostelá, entraron empresas inversoras como Amadeus, Prosegur, XesGalicia, Unirisco e Swanlaab Venture Factory.

As 4 P de Situm

Despois desta pequena presentación, David contounos como se artella o produto, a promoción, o prezo e a distribución da startup.

Produto

En 2014 comezaron coa navegación de interiores, pasaron ao desenvolvemento da plataforma ao ano seguinte e no 2016 e 2017 implementaron a monitorización de empregados e vehículos e activos respectivamente.

Durante os últimos anos crearon Situm WYF, para o guiado de persoas, Situm IPS e Situm MRM para o monitoreo de empregados. Todas estas solucións van dirixidas ao comercio B2B.

Prezo

Os produtos véndenos a través da comercialización por licenzas.

Distribución

Para distribuír o produto dispoñen dun programa de partners dos que forman parte as empresas inversoras, como Amadeus e Prosegur.

Promoción

Unha das claves do crecemento da empresa foi apostar por acudir a moitos eventos e feiras para anunciar as súas solucións, e facelo da man de empresas como Telefónica, que os convidou ao MWC. Debido á orixinalidade do seu produto, medios como La Voz de Galicia, El País, TVE ou El Mundo dedicáronlle un espazo nas súas páxinas ou escaleta.

Para rematar David indicounos que as súas solucións están presentes no sector dos transportes e aeroportos para facilitar a mobilidade reducida, en hospitais e clínicas para mellorar a navegación nos seus espazos, no eido da limpeza e seguridade, na industria e en edificios corporativos e na mundo da distribución e loxística. Confían neles marcas como Acciona, Telefónica ou El Corte Inglés.

Situm está en máis de 6000 edificios repartidos por 70 países do mundo. Moitos éxitos, Situm!

Graciñas David por sumarte. E como non grazas ao Cluster da Comunicación por axudarnos na organización, ao CírculoDircom e Creatividade Galega polo apoio e difusión e a dinahosting polo patrocinio.