skip to Main Content
Visita A Marrón Glacé

Achegámonos á tradición galega: Marrón Glacé de Grupo Cuevas

O pasado xoves, a nosa socia Marta Cid, directora de Márketing e Comunicación de Grupo Cuevas, recibiunos nas súas instalacións, xunto a María Castro, Responsable de Márketing e Rocío Cid, directora do Grupo, quen exerceu como relatora durante a visita a Marrón Glacé, única fábrica deste produto en España.

Foi unha oportunidade para coñecer máis de preto o valor histórico e gastronómico da castaña, un froito moi ligado á tradición galega e que a compañía se esforza por poñer en valor a través das súas liñas de produto máis especiais.

A castaña confeitada —ou marrón glacé— está agora en plena tempada. E, como nos recordaron desde o equipo, a campaña de recollida deste ano será a que consumamos o próximo. Unha campaña especialmente vixiada tras os incendios do verán, que poderían ter afectado á calidade do produto.

Un proceso artesanal que inclúe detector de metais

A visita comezou como mandan os estándares de calidade: colocándonos a roupa necesaria para acceder á fábrica. Unha vez dentro, percorremos un proceso que combina tecnoloxía e tradición, pero que segue sendo, en gran medida, manual.

A primeira fase retira a primeira pel cun sistema automatizado. Despois chega o pelado manual e a selección coidadosa, froito a froito. Finalmente, as castañas pasan por un detector de metais para garantir que ningunha das finas coitelas usadas no proceso se fragmentase.

A partir desta selección, a castaña toma distintos camiños: converterse en marrón glacé, formar parte de purés ou destinarse a alimentación animal.

Durante a visita coñecemos a clave do proceso do marrón glacé: os catro días de repouso en almíbar. E puidemos probar un marrón glacé recén glaseado. Sería imposible negalo: quixemos repetir. O equilibrio entre textura, dozura e sabor achegounos ao mundo gourmet.

Manual ata o final

Tras pasar polo forno, os marrón glacé superan a última proba de calidade antes de seren envasados e convertidos en lingotes de ouro que, un a un, se van introducindo nos seus envases correspondentes. Péchase o bote, colócase a etiqueta, séllase cun adhesivo… e quedan listos para chegar aos canais de distribución.

Grupo Cuevas conta coa única fábrica de marrón glacé de España, un fito que non só reivindica a castaña como produto de valor engadido, senón que a sitúa novamente no centro da identidade gastronómica galega. Un froito tan saudable como sostible, cuxa relevancia histórica merece volver ocupar un lugar destacado na nosa alimentación.

Ademais, a compañía está inmersa en proxectos de economía circular, como a posibilidade de reutilizar a primeira pel da castaña para a fabricación dun tipo de chans ou de solucións de packaging.

Unha experiencia que nos achegou á esencia da marca

A xornada permitiunos entender mellor como Grupo Cuevas constrúe valor desde a autenticidade, o coidado polo detalle e o respecto pola tradición. Unha combinación que, desde a perspectiva do márketing, amosa que as marcas máis sólidas son aquelas capaces de conectar pasado, presente e innovación.

Por suposto, tamén levamos unha pequena mostra para a casa.

Grazas a Marta, María e Rocío por esta visita tan doce e inspiradora.