skip to Main Content
Evento Comerciales 4

Achegámonos ao macroproxecto de Vialia en Vigo

A pasada semana os membros de Markea tivemos a oportunidade de coñecer de primeirísima man o macroproxecto de construción do Centro Comercial Vialia en Vigo, da man de Daniel Lorenzo, Director de Marketing de Nhood, a empresa promotora.

Nhood trátase dunha empresa inmobiliaria de servizos mixtos de Francia. O seu obxectivo é apoiar aos seus socios, territorios e cidadáns na rexeneración e renaturalización de sitios existentes en espazos habitables. Nhood evoca a colaboración, a buscar un impacto positivo, o ben común… En definitiva, lugares para vivir mellor.

Proxectos con triple impacto: Vialia Vigo

Partindo dunha estación de tren cun centro comercial no seu interior, Nhood pretende convertir este espazo nun lugar de vida en pleno centro da cidade olívica. Tanto a oferta comercial, cultural e de entretemento deseñáronse escoitando as demandas e peticións dos e das viguesas.

O centro comercial Vialia trátase dun proxecto mixto cun triple impacto positivo:

  1. Para persoas. Disporá dunha praza pública co-construída cos cidadáns e terá tamén un espazo senior. Ademais contaron coa colaboración da participación cidadá a través da web, redes sociais e puntos de información
  2. Sostible para o planeta. A construción fíxose atendendo a criterios de eficiencia enerxética, reducción da pegada de carbono, uso de recursos naturais e vexetación autóctona
  3. Emprego. Creación de milleiros de empregos, 900 durante a construción e 2000 en canto se abra. Importancia da creación de sinerxias locais

Atendendo aos datos técnicos, o centro comercial terá 5 andares, dos cales 2 son niveis comerciais con 125 tendas, 2 niveis de aparcadoiro con 1500 prazas e 1 praza pública de 30.000 metros cadrados con parques, zonas de deporte e ocio para todas as idades.

O centro comercial de Vialia foi deseñado polo prestixioso arquitecto Thom Mayne, referencia mundial de arquitectura e autor de ducias de obras por todo o mundo.

E como non, o centro comercial estará conectado coas dársenas da estación de autobuses e da estación de trens de alta velocidade, que acumulan entre ambos un tráfico de 4 millóns de viaxeiros.

Daniel Lorenzo tamén quixo destacar a tematización viguesa que terá o centro comercial: asteleiros navais, ponte de Rande, zona do Berbés. a movida dos 80 e o Vigo conserveiro.

Moitas grazas a Daniel por achegarnos este proxecto de grande valor para Vigo e toda Galicia. Estamos desexando poder ir e velo in situ.