skip to Main Content
Feed

A Asociación de Deseñadores Galegos celebra o FEED 2015

A DAG está a organizar a terceira edición do foro bianual de deseño FEED 2105, no que deseñadores de toda España participarán os días 20 e 21 de novembro na Coruña, para o que a Asociación Galega de Deseñadores (DAG) conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A Fundación Luis Seoane e o Auditorio de ExpoCoruña serán as sedes destas dúas xornadas, que se articularán arredor de seminarios e conferencias coas intervencións de oito destacados profesionais do sector tanto a nivel galego como internacional.

Dirixido tanto a profesionais e estudantes de deseño como a calquera persoa interesada neste ámbito, o programa deste ano arrancará o venres 20 de novembro cun seminario de Massimo Menichinelli, investigador e impulsor de proxectos abertos, colaborativos e de deseño, como o MUSE FabLab de Trento e Milán. Menichinelli compartirá a súa experiencia no deseño de laboratorios para comunidades, comezando polos usuarios e acabando polo modelo de negocio.

‘Deseño e narrativas para Big Data’ é o título do segundo seminario do FEED 2015, que terá lugar na mañá do sábado 21 e será conducido por Javier Cañada, especialista en deseño de interacción e colaborador independente de multinacionais no desenvolvemento de estratexias de deseño, definindo sistemas e experiencias para todos os seus canais dixitais.

Tanto Massimo Menichinelli como Javier Cañada participarán, así mesmo, nas sesións de tarde, dedicadas a charlas especializadas nas que tamén intervirán Pepe Barro, Miguel Sabel, Óscar Otero, Marta Verde, Álvaro Valiño e Raquel Pelta.