skip to Main Content
Visita A STL

Cada segundo conta: unha inmersión de Markea en STL

Onte tivemos o privilexio de visitar as instalacións de Sociedad Textil Lonia (STL), no Parque Empresarial do Pereiro de Aguiar (Ourense).

Un pouco de contexto

STL foi fundada en 1997 como unha compañía dedicada ao deseño, produción e comercialización de moda e accesorios de alta gama. Dende a súa sede en Ourense —con máis de 45.000 m² dedicados a integrar deseño, produción e distribución— desenvolve as marcas Purificación García e CH Carolina Herrera, e recentemente incorporou tamén Christian Lacroix, cuxa confección aínda non comenzou.

Como foi a visita

A visita, de case tres horas, foi guiada por Paco, xefe de produción e auténtica alma da empresa. Tal e como él mesmo se presentou, leva en STL dende os inicios e está xa en proceso de retirada: xubilarase o vindeiro ano, aínda que xa superou os 70 anos. A súa enerxía, a súa precisión e a súa paixón polo traballo seguen intactas.

Paco levounos por cinco das naves que forman o entramado produtivo de STL, explicándonos cada proceso co mesmo detalle co que se mide cada segundo na compañía —porque aquí, literalmente, cada segundo conta (si, como en The Bear).

Vimos como os bolsos de CH Carolina Herrera se elaboran de maneira completamente artesanal, todo —todo— a man. Paco explicounos o deseño da cadea de traballo: cada persoa que entra en contacto cunha peza actúa tamén como supervisora do traballo da persoa anterior, de xeito que o control de calidade se produce en cada fase do proceso, de principio a fin.

Ademais da confección, percorremos todo o circuito produtivo, que abrangue a recepción e supervisión do material que chega, o almacenamento, a optimización dos tecidos, o corte, o montaxe, o cosido e a expedición dos produtos rematados.

Paco contounos que aproximadamente o 50 % da produción realízase en Ourense, mentres que o outro 50 % se externaliza en obradoiros de Portugal e doutros países. De feito, puidemos ver as caixas perfectamente preparadas con todos os materiais necesarios para elaborar cada peza, listas para seren enviadas aos seus destinos de montaxe e confección.

Un dos momentos máis chamativos, a lo menos para mín, foi a visita ao almacén de peles, unha sala mantida a 19 °C e cun 60 % de humidade. Alí consérvanse materiais únicos: peles de crocodilo, caimán ou mesmo pitón —todas completamente legais e destinadas a encargos moi especiais. Confeso que eu quedaba coa pel clariña de crocodilo salvaxe, —esa que aparece ao fondo na imaxe, para cando sexa clienta tipo A 😉.

Foron 150 minutos de pura experiencia, aprendizaxe e admiración. Grazas, Paco, por non contar os minutos connosco.

Algo de networking

E para pechar a xornada, achegámonos ao Club de Golf Montealegre, onde compartimos un refrixerio e un chisco de networking nun entorno espectacular: o broche perfecto para unha visita inspiradora.

Esta experiencia lembrounos que o verdadeiro valor dunha marca reside na combinación de tradición, precisión e talento human.

Ímonos inspirados e con ganas de aplicar esa mesma mirada de ‘cada segundo conta’ nas nosas casas —quizais cun chisco máis de relaxación— para seguir impulsando os nosos proxectos con impacto, rigor e talento.

Aquí tedes un pequeno vídeo cortesía de dunha socia e algunhas imaxes mais.