O IEDM é xa un informe de referencia para entender como ven o futuro inmediato máis de 200 directores e directoras de marketing do territorio
Comida de Nadal e Asembleas Ordinaria e Extraordinaria
O venres 12 de decembro, data na que cumprimos exactamente 13 anos de andaina, celebramos a nosa tradicional comida de Nadal na Quinta da Auga, un espazo perfecto para xuntar boa xente, boa conversa e, como non, boa mesa. E non fomos poucos: máis de 60 socios e socias reunímonos para pechar o ano como mellor sabemos, compartindo tempo, risas e proxectos.
A xornada comezou cun cóctel de pé, unha fórmula que, unha vez máis, demostrou ser un acerto total. Sen mesas fixas nin cadeiras que aten, a conversa fluíu soa. Houbo tempo para falar de traballo, de vida e, por suposto, de Nadal.
Despois da comida tocou poñernos un chisco máis serios (pero só un chisco). Celebramos a asemblea extraordinaria, na que se aprobaron as reformas estatutarias, necesarias para seguir avanzando e adaptándonos aos tempos que veñen. A continuación tivo lugar a asemblea ordinaria, cun punto clave: a renovación da xunta directiva actual, que continuará liderando o proxecto cunha mestura moi equilibrada de experiencia, ilusión e ganas de facer cousas.
Houbo tamén momento para facer balance e mirar atrás con orgullo. Fixemos un repaso da actividade do ano 2025, que non foi precisamente curta: visitas a empresas, organización de eventos propios, charlas en institutos, escolas e universidades, presenza en medios… Un ano intenso, diverso e moi vivo. E, como non, tamén puxemos o foco no 2026, coa presentación da actividade prevista para o próximo ano por cada área, deixando claro que o que vén promete (e moito).
Pero se algo demostra que isto non é só traballo, foi o momento divertido da tarde. Organizamos un xogo por equipos de 6 persoas que puxo a proba a nosa memoria musical: había que adiviñar o ano de lanzamento de cancións míticas dos 80 e 90. Houbo debates acalorados, respostas moi seguras que resultaron non ser tanto, risas, algún “non pode ser, se esa soaba cando eu estaba na universidade!” e, sobre todo, moi bo ambiente. Porque competir tamén pode ser divertido cando o premio é pasalo ben.
Non podemos deixar de agradecer a Martín Códax e a Esmerarte (Portamérica) polos agasallos para os equipos gañadores. E, como colofón final, puxemos o broche navideño levando para casa a cesta de Nadal, grazas ao apoio das empresas de algúns dos nosos socios ás que queremos darlle un merecido recoñecemento: Paco y Lola, Zelnova, Estrella Galicia, Aceites Abril, Frinsa, Casa Grande de Xanceda, Raiola Networks, Marron Glacé, Froiz, Delikia, El Nogal, Torre de Núñez, Rei Zentolo e Tac.
Tamén nos gustaría agradecer a todo o equipo Miraveo, que estiveron facendo fotos e vídeos e nos sacaron ben guapos. Búscate na galería ➡️📸
























En resumo: boa comida, mellor compañía, balance positivo e moitas ganas de 2026. Así dá gusto despedir o ano. Bo Nadal e vémonos moi pronto, equipo.
