Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
Como construír marcas no sector farmacéutico
Hai uns días tivemos o inmenso pracer de ter como convidada nunha nova edición dos #afterworkathome a Beatriz Díaz, Corporate Communications Manager na farmacéutica Zendal.
A empresa porriñesa Zendal está en plena actualidade, xa que vén de anunciar que está a preparar unha vacina contra a Covid-19. Tamén asinaron coa empresa americana Novavax a produción do antíxeno da súa vacina. É un orgullo ter en Galicia a empresas tan recoñecidas e necesarias como Zendal.
E nun sector tan amplamente regulado como o farmacéutico, o labor do marketing é vital para construír unha empresa con propósito. Unha empresa do ámbito da saúde debe ser consistente, coherente, próxima, fluída e tranquilizadora para xerar máis confianza e concienciación por parte do cidadán. E como exemplo Beatriz presentounos a evolución das buscas en Google Trends do termo “vaccine” nos últimos meses, exemplificando o enorme interese e preocupación do cidadán.
Case todo depende do teu prestixio
Tom Peters
Zendal, unha empresa de récords
Zendal é unha empresa avalada por unha ampla traxectoria e fitos. Están presentes en máis de 65 países, no 2019 alcanzaron unha facturación de 45 millóns de euros e invirten o 11% da súa facturación en I+D.
No 2008 lanzaron unha das vacinas máis consistentes contra a tuberculose, que mata anualmente a 1,5 millóns de persoas (as que leva actualmente a Covid-19).
Nese mesmo ano tamén sacaron a vacina contra a lingua azul, fabricando máis de 80 millóns de doses e convertíndose nun dos tres principais provedores europeos.
O marketing e a comunicación do grupo Zendal
A comunicación e o marketing de Zendal están enfocados en xerar confianza e ser relevantes. Respecto aos seus produtos, o seu obxectivo é que sexan hiperrelevantes e moi funcionais, centrándose en tres piares: innovación, tecnoloxía e calidade percibidas.
Pero tamén apostan polo marketing líquido adaptando a súa mensaxe a todas as canles, formatos, medios e soportes: a través de cores rompedoras, do universo da marca, potenciando o deseño, patrocinios ou dos seus Premios Zendal.
O employer branding convértese nun gran aliado de Zendal a través da potenciación da cultura da empresa, o sentido de pertenza e a xestión do talento.
O marketing de produto tamén é unha área moi relevante para Zendal, a través do packaging, da farmaeconomía, da dixitalización, da imaxe corporativa, do benchmarketing e data, tendencias e mercado… O produto debe ser funcional e relevante, ten que resolver un problema e diferenciarse doutros.
Outra área relevante é o marketing de servizos, xerando fiabilidade e confianza para o target de interés, mediante a innovación, a tecnoloxía e a calidade, que debe ser percibida en todos os impactos que faga a marca.
O marketing en tempos de pandemia
E en marzo chegou a crise polo coronavirus, o que provocou un cambio na comunicación e o marketing de Zendal para adaptarse á situación:
- Elaboración dun plan de crise interno e externo
- Xestionar e administrar a frenética actividade comunicativa
- Potenciar as RRSS para ofrecer información, apoiar, concienciar
- Fomentar a presenza online da marca a través de 5 webs diferentes, máis rápidas, usables e responsive
- Revisión do plan de marketing para xestionar as cancelacións e os aprazamentos
- Aposta polo longo prazo no ton e universo da marca
Confinamento é a palabra do ano 2020
Dicionario Collins
Para rematar, Beatriz Díaz indicou dúas claves no seu departamento: traballo baixo presión e con urxencia. En toda esta situación Zendal gañou moita visibilidade, valor de marca, pero tamén un novo target: o cidadán.
Graciñas Beatriz por compartir este tempo con nós e achegarnos a realidade dun sector clave. Tamén agradecer ao Cluster da Comunicación pola organización, ao Círculo, Dircom e Creatividade Galega polo apoio e difusión e a dinahosting polo patrocinio.