Lois Vázquez, coordinador de marketing de Visual Trans falounos sobre como implementar unha estratexia de marketing B2B orientada ás vendas
Coñecemos a Kibus, conectando kibusos, clientes e praceiros
O afterwork at home deste mes foi protagonizado por Kibus. Trátase dun marketplace nacido en A Coruña que conecta praceiros con clientes que queren comer san, pero sen tempo de ir ao mercado. E entre eles está a figura do kibuso, un auténtico foodie que se encarga de seleccionar a diario o produto na praza, facer a compra e levarcha á casa en pouco tempo. Conexión on e off.
Eduardo Sanjurjo, xerente da plataforma, explicounos en detalle como xurdiu o proxecto, pouco antes de comezar a pandemia. Foron meses de moita incerteza, pero detectaron que había unha necesidade e que Kibus podía solucionala. E os clientes están respondendo, teñen presenza en 14 mercados de Galicia, Asturias, Euskadi e Madrid.
Un produto de calidade
Para Eduardo está claro. O valor de comprar produtos en Kibus sostense en varios piares:
- Un produto de calidade, fresco e de tempada
- Un produto de quilómetro cero e local
- Axuda ao comercio local, aos e ás praceiras que tanto esforzo levan
- O servizo engadido aportado por Kibus: a compra faina unha persoa especialista, e que sabe diferenciar cando un produto está bo ou non
- Intentan evitar ao máximo o uso de plástico e de elementos superfluos
- Sen pedido mínimo
- Gastos de envío gratis por pedidos superiores a 20 euros
- Entregas en áreas metropolitanas
- Uso da bicicleta nos centros das cidades
Todo este valor aportado ao cliente tradúcese en datos. Teñen unha alta recorrencia de clientes satisfeitos, que repiten varias veces ao mes, e fan en Kibus a súa compra semanal de produtos perecedoiros. O ticket medio rolda os 40-50 euros, incrementándose en cidades como Bilbao.
As persoas como sustento do negocio
Un produto de calidade non bastaría sen o papel das persoas: praceiros, kibusos e clientes.
Praceiros
Eduardo explicou que os comezos de Kibus non foron doados, xa que un praceiro é unha persoa moi ocupada, que se ergue moi cedo e que leva el só o negocio. Por iso tiñan que aproveitar curtos espazos de tempo para explicarlles o proxecto. Unha vez que se foron sumando uns, os outros praceiros que non o fixeran tamén se uniron (o efecto fervenza).
As prazas de abastos teñen unha menor carga de traballo de luns a xoves, que é cando se produce o pico de pedidos en Kibus (o 80% é entre semana). Estes datos axudaron a que o praceiro entrase no marketplace, xa que non se dá a canibalización (se o meu cliente habitual compra en Kibus, deixará de vir ao mercado).
Kibusos
Son os encargados de facer a compra, de seleccionar os produtos e levarllos ao cliente. Ademais, cando non hai un produto determinado, contactan co cliente se así o requeriu para explicarllo, e facerlle outra recomendación. Son a imaxe de Kibus, e aportan confianza tanto ao praceiro (ao ter que tratar con el a miúdo), como co cliente (ao ser a persoa que habitualmente fai a compra).
Clientes
Os clientes son a terceira peza. Eduardo explicounos que o boca-orella é o que mellor lles funciona para chegar a novos clientes. Observan que cando acceden a unha nova urbanización ou edificio de pisos, aos poucos días chegan novos pedidos de novos clientes.
Ferramentas de marketing utilizadas
Eduardo apuntou que se sosteñen nun bo deseño web e na utilización de fotografías de produto profesionais.
Explicou que empregaron anuncios en redes sociais, en Google e noutras plataformas e marketing de influencers, pero que todo isto non lles axudou a aumentar o número de clientes. Por iso están optando por premiar a fidelidade dos seus novos e antigos clientes, regalando tickets de 10 euros.
Ademais están optando por outra liña de produtos como a recomendación de receitas por parte de chefs (pásanche a receita por correo e ocúpanse de levarche os produtos imprescindibles para facer ese prato). Tamén está a funcionar ben os packs de benvida de froita (regalos de empresa, para novos nacementos…), ou packs para desfrutar dun bo chuletón ou cocido con amigos.
Parabéns pola iniciativa, Eduardo, e graciñas a Juan Carlos Silva por ser o presentador da charla. Agradecementos a Vidiv por cedernos a plataforma.