Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
Crea a túa primeira web en poucos minutos con WordPress
A pasada semana, Iván Expósito, Responsable de Atención ao cliente da empresa de aloxamento web dinahosting, protagonizou o afterwork da Coruña. Durante pouco máis de 40 minutos explicounos os pasos a seguir para crear unha web con WordPress en poucos minutos.
Se non puideches asistir ao afterwork pero quedaches con ganas de saber todo o que se tratou, aquí che deixamos un completo resumo. Imos alá!
Empecemos polo principio. Que tres cousas precisa unha web?
- Un nome de dominio, por exemplo, webexemplo.com
- Un hosting que fará posible que a nosa web sexa visible en internet
- Os ficheiros ou bases de datos que forman a nosa web
Que é WordPress?
WordPress é unha ferramenta gratuíta que nos permitirá construír webs sen apenas ter coñecementos en programación. Para que vexas o seu calado, é o CMS máis utilizado do mundo para montar webs e naceu mediante código aberto, isto quere dicir que é sostido e mellorado por unha gran comunidade de voluntarios e contribuídores.
Iván Expósito tamén nos comentou que a miúdo existe unha confusión entre WordPress.com e WordPress.org, pero non son o mesmo. WordPress.org refírese ao software que che permitirá montar a túa web baixo o teu propio dominio e hosting. Pola contra, WordPress.com permíteche ter unha web ou blog utilizando o hosting e dominio de WordPress.
A maioría dos provedores de hosting ofrecen WordPress preinstalado ou con opción de instalación en poucos clics.
Primeiros pasos
1. Ocúpate destes axustes básicos
- Título e descrición curta
- Axustes de idioma, data e hora
- Formato de URL e enlaces permanentes
- Instala un tema para a túa web
2. Páxinas, entradas e medios
- Páxinas: as seccións da nosa web
- Entradas: os artigos do noso blog
- A biblioteca de medios: o noso repositorio multimedia
3. Personalizar e maquetar
- Personalizar o tema
- Ocúpate de aprender como funciona Gutenberg e a personalización de contidos
- Non esquezas os widgets, para engadir opcións, personalizar e simplificar
- Instala plugins para o teu WordPress. Hainos que che axudarán a mellorar o SEO da túa páxina, a traducila e tamén hai ferramentas para enviar newsletters
Uns consellos finais
Iván rematou a súa presentación dándonos uns consellos finais.
- Practica. Cambia de tema, instala novos plugins, maqueta e introduce contidos. Se te equivocas… volve empezar.
- Documéntate. Internet está absolutamente abarrotado de titoriais e guías sobre WordPress. Aprende sobre deseño, sobre seguridade, etc.
- Participa e comparte. A comunidade de WordPress está repleta de aficionados e profesionais que aportan os seus coñecementos. Participa en meetups, WordCamps e outros eventos da comunidade.
- Persevera: WordPress, como aplicación, é a punta do iceberg dun sector de negocio enorme. Ofrece
oportunidades a todo profesional coa constancia suficiente para especializarse no seu uso.
Graciñas Iván por esta charla tan interesante e práctica. E xa sabes, investiga e proba para construír a túa web perfecta!