En Markea gozamos dunha visita moi especial ás bodegas Martín Códax e desfrutamos da charla de Gael García, director de marketing do Celta
IA e reputación online: como a intelixencia artificial está a transformar o SEO
Onte celebramos unha desas sesións que deixan pegada. Xunto co Clúster do Ecommerce Galego, na casa do noso socio Marcos Escudeiro, director de márketing de Finsa e da man de Diego Jiménez, CEO de ROI UP Group, xuntámonos para mergullarnos en como a intelixencia artificial está a revolucionar a reputación das marcas, a visibilidade online e o propio concepto de SEO.
A conclusión xeral foi clara: o cambio xa está aquí, e a oportunidade está na anticipación e a axilidade.
Europa: regulación avanzada, adopción máis lenta
Partimos dun dato chamativo: Europa é hoxe a rexión menos avanzada en IA debido ao seu marco regulatorio. Mentres tanto, outras rexións, por exemplo LATAM, lévanos unha vantaxe sustancial en avances prácticos.
Isto non é unha ameaza, senón un aviso: as marcas europeas aínda temos marxe para poñernos ao día… se actuamos agora.
A reputación na era da IA
Unha das mensaxes máis potentes que quedaron da charla é que a reputación xerada pola IA non se xestiona como antes, non basta con controlar os medios, as redes ou o buscador clásico. Os modelos de linguaxe “len” fontes moi diferentes, e a visibilidade dunha marca depende tanto do que din os seus clientes como do que opinan empregados, asociados ou mesmo terceiros, e iso exténdese a plataformas de valoración, foros ou reviews.
Plataformas como Facebook resultan máis indexables que Instagram para os LLMs. E aínda máis relevantes: X, Reddit (o rei), Quora.
Presenza dixital sólida: actualizada ou invisible
Fíxose patente a necesidade dunha presenza dixital viva, diversa e actualizada para sobrevivir neste novo contexto.
- Web con datos propios, autoridade e contido útil.
- Redes sociais activas e actualizadas: Facebook, LinkedIn, X, TikTok…
- Contidos multiformato: texto, imaxe, vídeo curto (“shorts”), infografías e tamén audio. Xa hai resultados nos que aparece directamente un botón de “escoitar” fóra de Europa.
- Avaliacións en plataformas de emprego e opinións verificadas.
A IA pídelo. Os usuarios agradeceno. E o algoritmo prémiao.
Se deixas espazos baleiros…outros poderán enchelos. E non sempre con contidos favorables. “Non deixes que outros falen de ti”
De SEO clásico ao GEO (Generative Engine Optimization)
O que define o que veremos xa non será só o algoritmo clásico dos buscadores, entra en xogo a optimización para sistemas de IA: Generative Engine Optimization (GEO). Eses LLMs deixan de devolver simples listaxes de ligazóns: sintetizan, interpretan e ofertan a “versión” da marca segundo o seu propio criterio: afirman a “súa verdade” en base ao que atopan.
E iso cambia por completo as regras do xogo: apareces, es citado ou recomendado, ou non existes. A presenza non é unha opción, convértese nunha necesidade estratéxica.
- En 2026 comezaremos a medir impresións, non clics.
- O usuario recibirá a información directamente na resposta xerada, sen visitar a fonte.
Por iso é imprescindible que o noso contido estea presente, sexa sólido e verificable.
Reputación: xa non é so branding, é negocio
Agora a reputación inflúe directamente en resultados reais, en decisión de compra, en confianza, en alianzas, en recomendacións. E neste contexto, unha reputación sólida e ben xestionada proxéctase como un activo clave.
A marcas similares, a reputación será o factor decisivo. E iso inclúe o que digan clientes, empregados, expertos… e a propia IA.
Humanos + IA: a combinación gañadora
Outro mensaxe inspirador que nos deixou a sesión: 80 % IA + 20 % IH.
A IA pode acelerar, sintetizar e multiplicar, pero a estratexia, a creatividade e o criterio seguen a ser humanos. A combinación de ambos mundos é a que realmente ten sentido.
Conclusión: actúa xa!
A sesión deixounos aprendizaxes, reflexións… e deberes. De feito, saimos coa cabeza a punto de explotar 😉
A IA non resolverá por si soa os nosos retos reputacionais nin de posicionamento. Pero sí pode converterse nun aliado estratéxico se avanzamos con axilidade, criterio e presenza dixital sólida.
Se queres situar a túa marca no mundo da IA, toca actuar. Necesitas bases sólidas: visibilidade, contido propio, coherencia e autoridade.
Grazas ao Clúster do Ecommerce pola colaboración, a Roi up pola visión compartida e a Marcos por abrirnos a súa casa e permitir que esta sesión fose tan valiosa coma cercana.
