O pasado 14 de abril, Markea participou na organización do VIII Foro de Marketing e Vendas con APD, unha cita xa consolidada como referente
O III MarkeaFest viviuse na Ribeira Sacra
Hai plans que funcionan porque están ben organizados. E hai outros que, ademais, deixan pegada pola contorna que se converte en experiencia. O III MarkeaFest é a nosa cita anual co territorio e o marketing: un lugar, a xente, as conversas e a sensación de estar exactamente onde había que estar.
Nesta ocasión escapamos ata a Ribeira Sacra para vivir unha xornada pensada para compartir tempo de calidade, descubrir proxectos con identidade e seguir fortalecendo unha comunidade que non para de medrar.
O punto de partida foi Belesar, onde embarcamos nun catamarán para percorrer o río Miño. Pouco fai falta dicir da paisaxe da Ribeira Sacra que non se saiba xa, pero vivila dende a auga cambia completamente a perspectiva. Viñedos nas ladeiras, silencio, calma e esa sensación de desconexión que ás veces custa tanto atopar.
O paseo serviu para algo máis que facer fotos. Serviu para conversar sen présa durante o percorrido de 2h e crear ese tipo de conexións que dificilmente aparecen nunha reunión ou nunha pantalla.
Despois da travesía chegou a visita á bodega Vía Romana, un deses lugares nos que se entende perfectamente o valor de facer as cousas con tempo, coidado e respecto polo territorio. Entre viños, historias e aprendizaxes, fomos descubrindo a bodega que inspirou a Dolores Redondo no libro “Todo esto te daré” , onde a Ribeira Sacra e a viticultura heroica son unha personaxe máis desta ficción.
O seguinte punto do día levounos ata Os Pendellos, onde compartimos unha comida de produto tradicional galego. Xa pola tarde chegou un dos momentos máis esperados coa charla de Kin Martínez, director de Esmerarte e unha das voces máis relevantes da industria cultural en Galicia. Kin falou de creatividade, de cultura, de marcas con personalidade e da importancia de construír proxectos auténticos e facendo equipo. Foi unha conversa inspiradora, próxima e moi aterrada á realidade de quen crea, comunica ou emprende.
E como toda boa festa tamén merecía sorpresas, durante o III MarkeaFest realizamos varios sorteos. Grazas a Beatriz Pereira, socia de Markea e fundadora de Lendas da Curota e a José Carlos, director de Marketing de Esmerarte. Sorteamos unha experiencia de escaperoom nun barco, un plan tan diferente como divertido, e dúas entradas dobres para desfrutar do PortAmérica.
O día rematou como mellor terminan estas experiencias: con ganas de máis.
Porque o MarkeaFest é maneira de lembrar que detrás das marcas, das empresas e dos proxectos hai persoas. E que cando esas persoas se xuntan en lugares tan especiais, só poden pasar cousas boas.
O III MarkeaFest non sería o mesmo sen a inestimable axuda de ahao e Gutier Rolán.
