skip to Main Content
Influencers

Influencers dixitais, quen son e como involucralos no noso plan de marketing

Éxito de convocatoria no primeiro afterwork do 2018 organizado en Vigo, no que máis de 50 asistentes se deron cita no Círculo de Empresarios de Galicia. Laura Vázquez, directora de servizo ao cliente de Roi Scroll, falounos sobre Influencers dixitais, quen son e como involucralos no noso plan de marketing.

Os social Media cambiaron a forma na que os consumidores se relacionan coas marcas e convertéronse nunha das principais influencias nos seus hábitos de consumo. Hoxe en día ninguén pon en dúbida o importante papel que teñen os chamados influencers dixitais na decisión de compra. De feito, segundo datos do Interactive Advertising Bureau (IAB), o 85% dos internautas confía máis nos influencers que  noutro tipo de publicidade e os blogs están detrás do 49% das decisións de compra.

Aínda que se avanzou moito na profesionalización das colaboracións entre marcas e influencers desde a irrupción dos primeiros instagramers e youtubers, moitas veces o approach que se fai con eles non é o axeitado. Moitos blogers seguen sentindo que as marcas non se preocupan por coñecelos, que non lles proporcionan contidos de interese ou que non lles ofrecen acordos satisfactorios para eles. E é que, coñecemos cales son os verdadeiros intereses dos influencers? Que é o que buscan cando deciden colaborar cunha marca? Cartos? Segundo unha enquisa realizada por Augure en 2016, as principais motivacións que moven os influencers son obter visibilidade e alcanzar novos targets (para o 55% dos enquisados) e crear contidos de calidade para a súa audiencia (45%). Malia ó que a priori podería parecer, só o 22% dos enquisados -de forma anónima- afirmaron estar motivados por diñeiro.

Para a experta en Social Media Laura Vázquez, directora do servizo ao cliente de Roi Scroll, a clave do éxito é traballar as relacións persoais con eles, é dicir, coñecelos e coidalos. Non debemos esquecernos de que detrás dun blog ou un perfil en Instagram hai persoas e a todos nos gusta que nos feliciten polo noso aniversario ou que se interesen polos nosos fillos, explica Vázquez. Os Social Media son espazos de diálogo entre persoas e as empresas deben baixarse do pedestal corporativo no que estaban instaladas para falar de igual a igual coa xente coa que esperan establecer relacións. Compartir as súas preocupacións, saber o que lles gusta ou lles disgusta, etc.

Para a viguesa, é fundamental facer un estudo minucioso previo dos perfís dos influencers especializados no sector, empaparse da súa filosofía e entender a súa liña de opinión. É moi necesaria unha tarefa previa de investigación para detectar a aquelas persoas que realmente poden encaixar coa marca. Só así poderá identificarse ao influencer capaz de convertirse en prescriptor e incluso embaixador da firma, transmitindo ós seus seguidores os valores e beneficios da mesma. Neste punto, non debemos fixarnos só nos seguidores que arrastran xa que “non é o mesmo popularidade que influencia”. É por iso que a directora do servizo ao cliente de Roi Scroll sinala a conveniencia para moitas marcas de contar con microinfluencers antes que con celebrities, xa que ás veces teñen máis poder de prescripción no nicho concreto ao que queremos chegar.

Se elexiches ao influencer axeitado, non teñas medo en deixarte asesorar por el e non intentes impoñer o teu criterio en canto á hora de publicación, o hastagh a utilizar ou o texto para o post, aconsella Laura Vázquez. Eles mellor que ninguén coñecen á súa comunidade e, por tanto, o que pode ou non funcionar con eles. Dirixirte con propostas ou desafíos interesantes para eles e á súa comunidade e buscar relacións a longo prazo son outros dos tips a seguir.