skip to Main Content
Amkt Informe Markea Galicia

Os profesionais de Markea enfrontan con máis optimismo que a media nacional a recta final do 2026

Desde Markea acabamos de analizar os datos do Índice de Expectativas dos Directores de Marketing (IEDM) para este segundo semestre de 2026, organizados por AMKT.

Ao poñer fronte a fronte os resultados a nivel nacional cos que recollemos entre os nosos propios asociados, a foto que sae é moi interesante: en Galicia respiramos un ambiente bastante máis positivo que no resto do Estado.

Unha pequena aclaración antes de empezar: a cantidade de respostas que recollemos en Galicia neste estudo foi moi pequena. Polo tanto, non podemos tomar estes datos autonómicos como unha verdade absoluta e representativa de todo o mercado, senón máis ben como un “termómetro” para coñecer o estado de ánimo dos profesionais que forman parte da nosa asociación.

Dito isto, imos coas conclusións.

A nivel nacional: crecemento, pero con moita cautela

Se miramos as conclusións do informe xeral para España, o resumo é claro: hai un crecemento constante, pero a un ritmo moderado e con moita cautela. As empresas agardan que as vendas medren e prevén subir lixeiramente o seu investimento publicitario, pero sempre dentro dun contexto de control estrito dos orzamentos.

O que máis chama a atención destas conclusións é o estado de ánimo xeral, xa que se mantén un sentimento pesimista e unha reducida confianza nas previsións económicas. Os datos falan por si sós:

  • Un 39% dos directivos confesa ser máis pesimista que hai seis meses, fronte a só un 18% que se mostra máis optimista.
  • Cando se lles pregunta pola situación económica do país, case a metade (46%) cre que está igual e un 29% pensa que vai a peor.

Neste contexto, o mundo dixital segue sendo o refuxio seguro: o investimento en medios online non para de medrar, e un 76% dos directores xa lle dedica máis do 20% do seu orzamento de publicidade.

A nivel galego: mellores previsións e máis confianza

Que pasa cando aterrramos estes datos nas empresas asociadas a Markea? Pois que a visión cambia un chisco. En xeral, temos unha expectativa máis positiva e as nosas previsións melloraron respecto ao primeiro semestre do ano.

O noso sentimento é neutral ou tirando a optimista:

  • Un 30% dos profesionais galegos está hoxe máis animado que hai seis meses.
  • A gran maioría, un 50%, mantense nunha posición neutral fronte aos cambios.
  • E respecto á economía do país, o 70% considera que a situación vai ser similar á dos primeiros meses do ano, sen agardar grandes sobresaltos.

Que significa isto para as nosas estratexias?

Nas conclusións do noso informe autonómico vese o impacto que supón esta confianza. Mentres a nivel nacional falabamos de “control” do gasto, en Galicia estimamos un aumento do investimento publicitario para este segundo semestre.

En definitiva, temos unhas expectativas positivas de que o mercado vai ter un crecemento relevante nestes últimos meses do ano, superando as cifras do semestre anterior.

Deixámosvos os dous informes para que poidades descargar e analizar en detalle.

Mostra dos resultados da enquisa a nivel nacional

Mostra dos resultados da enquisa dos socios/as de Markea