skip to Main Content
Img 20200220 Wa0024

IV Foro de Marketing e Vendas. Contámosche todo o que aconteceu

O día 20 de febreiro celebramos o IV Foro de Marketing e Vendas, organizado en conxunto por APD, o Clúster da Comunicación e Markea. Se nos temos que quedar cunha palabra que recolla o evento, diríamos que foi todo un éxito, xa que congregamos a case 200 marketers e responsables de vendas. Para repetir!

A xornada comezou ás 9.30h, coa presentación do Foro por parte de Santiago Sesto, Director da zona Noroeste de APD, Xose Luis Reza, presidente de Markea e do Clúster da Comunicación, Beatriz Pereira, CEO de Iuni, Lucía González, Responsable de Comunicación de dinahosting e Marta Gimeno, Responsable de Asesoría e Propiedade Intelectual de H&A.

Xose Luis Reza puxo en valor o papel do marketing e do sector, apostando polo diálogo e colaboración. Pola súa parte, Beatriz Pereira deu conta dos cambios que están a levar a cabo en Iuni, tanto na súa imaxe corporativa como do que fan, marketing estratéxico. Lucía González falou do valor diferencial que lle aportan ao cliente de dinahosting: trato humano, desenvolvementos propios, calidade e tecnoloxía, e Marta Gimeno explicou a importancia que ten a protección da propiedade intelectual, a marca, para as empresas.

Como impacta a tecnoloxía no marketing e vendas?

Emilio Iturmendi, Director de Small, Medium and Corporate de Microsoft España, falounos de que a tecnoloxía está presente en todas as áreas de negocio das empresas, xa non só é cousa dos enxeñeiros. Tamén indicou que a tecnoloxía tennos que axudar a aportar solucións e que o cliente ten que formar parte dos equipos de marketing das empresas.

Resultado do estudo de marcas e valores

Marta González Moro, Fundadora de 21 gramos Marketing de peso, contounos os resultados do estudo de marcas e valores. Tamén incidiu na necesidade de incorporar os obxectivos de desenvolvemento sostible nos nosos plans de marketing, e ter en conta as persoas nos ámbitos económico, social e ambiental.

Marcas que inspiran

De seguido chegou a mesa redonda moderada por Beatriz Pereira e formada por Melisa Pagliaro, Directora de marketing en Gadisa; Fidel Aibar, JD de Ikea, Pepe Cabanas, CMO de Estrella Galicia, e Jessica Rey, Responsable de Marketing da Casa Grande de Xanceda.

Pagliaro explicou que as empresas deben posicionarse, conectar e estar ao lado das persoas. Unha marca non ten que seguir un guión, ten que ter alma. Jessica Rey subliñou que en Xanceda non só venden un produto de calidade, senón que tentan crear valor impulsando o rural, axudando por exemplo a que cans abandonados atopen un fogar ou dando emprego de calidade á súa contorna.

Pola súa parte, Fidel Aibar explicou que en Ikea sempre tentan deseñar produtos sostibles, funcionais, personalizables, de calidade e económicos. Pero o seu valor principal é impulsar a carreira dos seus propios traballadores. Para rematar, Pepe Cabanas, sinalou que as marcas deben ser as que lideren o cambio anticipándose ás necesidades do consumidor e deben educar na sostibilidade e reciclaxe.

Como aliñar o marketing e as vendas nas empresas

Tralo café chegou a mesa redonda moderada polo coach e formador Felipe García, e formada por con Roberto Cajide, director da zona Galicia e Asturias de Sanitas e Eduardo Adán, director comercial de Nortempo. Valoraron que a estratexia de ambas áreas ten que ir aliñada, e que é impensable que se vexa por separado.

Os tres participantes reflexionaron acerca do valor diferencial das empresas, e que ese valor non pode ser competir a prezo, porque corres o risco de que veña outro competidor que venda máis barato ca ti. Firmas como Amazon ou Aliexpress, non só compiten a prezo, senón que ofrecen un menor tempo de entrega.

Protexer o valor intanxible das empresas

Para rematar, Marta Gimeno, de H&A, falounos da importancia de protexer unha marca, tanto no ámbito dos dominios en internet, como a súa cor, envase, tipografía, nome… Ilustrou isto con exemplos ben coñecidos, como a cervexa Budweiser que non pode ser comercializada con este nome en países como Reino Unido ou República Checa, ou o caso de Conguitos, que ademais de ser un doce de chocolate é unha marca de roupa de nenos.

Moitísimas grazas a todos por vir e convertir este IV Foro de Marketing e Vendas nunha grande festa, onde compartimos casos de éxito de empresas moi próximas. Como conclusión quedámonos en que o marketing e as vendas deben ir da man, xa que comparten un obxectivo común: beneficiar a conta de resultados da empresa.

E graciñas tamén aos nosos patrocinadores: Iuni, dinahosting e H&A, sen vós non sería posible!

As fotos son cortesía da APD