Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
L. Torrón, directora creativa de Reclam: “Contar historias é a forma máis poderosa de transmitir unha mensaxe”
Lis Torrón, directora creativa de Reclam, deunos as claves da técnica do storytelling (ou a arte de contar historias) e a súa aplicación no mundo da publicidade. Foi durante a súa intervención no último afterwork celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, e organizado por Markea, Dircom Galicia, o Cluster da Comunicación Gráfica e o patrocinio de dinahosting.
Contar historias é, sen dúbida, a forma máis poderosa de transmitir unha mensaxe, explicou Torrón.
Para ela, conectar coas persoas, dirixirse ao corazón, aos seus desexos, é o camiño para lograr a persuasión e, sobre todo, alcanzar o obxectivo último do storytelling: lograr o recordo na mente do consumidor. A nosa historia, ademais, debe ser fácil de contar se queremos conseguir viralidade e un call to action.
Hai anunciantes que levan vendendo os seus produtos coa técnica do storytelling décadas e, non por casualidade, esas son as marcas máis potentes e mellor posicionadas. Bo exemplo de iso é Apple, cuxo desenvolvemento comercial, de produto e historia sempre foron da man.
Pero se sabemos que este é o camiño para conectar co consumidor, por que non todas as empresas comunican con éxito? Para a publicista coruñesa a clave está en que hai moitas marcas que non están dispostas a realizar o sacrificio de permanecer nun segundo plano e empéñanse en ser as protagonistas inamovibles das historias que contan, cando o que deben facer é falar “de” e “sobre” os consumidores e os seus intereses. “Para convencer a alguén hai que poñerse no seu lugar”, conclúe a directora creativa, e engade: “débese construír a comunicación en base a por que o fas e non no para que”.
Se queres contar historias que se queden para sempre na mente do consumidor, estes son os cinco consellos fundamentais de Lis Torrón:
- Responder coa túa historia a aquilo que queres contar. Pensa, que quero que recorden de min?
- Sae da zona de confort. Asume retos
- Busca a armonía entre historia e marca
- Que a historia teña un principio e un final
- Busca a maxia. Conecta emocionalmente
As grandes historias que nos contou a publicidade teñen, todas elas, tres valores en común que constitúen as pautas básicas do storytelling: transmiten os valores da marca, utilizan unha linguaxe emocional e mostran a vantaxe diferencial con respecto aos competidores.
Ahora que xa coñeces os segredos do storytelling, anímaste a contar a túa historia?