skip to Main Content
Evo Banco Afterwork

Liderado e marketing en contornas de transformación

Xa levamos 7 afterworks na casa! Paz Comesaña, Directora de Marketing, Publicidade e Alianzas Estratéxicas de Evo Banco, deunos a súa visión persoal do liderado en áreas de marketing. Paz compartiu con nós as preguntas que se fai a diario para dirixir con éxito o seu equipo nun momento de continua transformación.

Unha visión persoal do liderado empeza coa actitude que tes cara a vida e cara ao teu traballo. E un equipo unido e competente pode transformar calquera realidade

Paz Comesaña

A necesidade xera oportunidades

Tomando o exemplo de Evo Banco, Paz explicounos como naceu a súa empresa tras unha crise reputacional no sector bancario e unha crise económica global. Esta situación deixou patente a necesidade de reinventarse e buscar un cambio no modelo de negocio acorde coas novas tendencias: tecnoloxía e innovación, sinxeleza e transparencia (sen letra pequena).

No ano 2012 nace a compañía e decide facelo diferenciándose dos seus competidores e usando tecnoloxías como IA, Big Data, Cloud para achegarse aos seus clientes. Son o primeiro “voice bank” do mundo en castelán e foron recoñecidos como o banco máis innovador en Europa no 2019.

Liderar persoas para construír cultura de empresa

Pero este camiño cara a xeración da cultura de empresa non se pode facer sen:

  • Entender o cambio que está a vivir o teu sector para tomar as decisións máis axeitadas.
  • Crear relacións de calidade e de compromiso tanto nos teus equipos internos como cos teus colaboradores.
  • Ter a valentía de desafiar o establecido, ser valente e diferente para impactar. En Evo Banco a valentía forma parte do ADN da empresa e para saber se unha campaña gusta usan focus group entre outras ferramentas.
  • Que o proxecto sexa un propósito vital para o traballador.

Neste último punto Paz indicábanos que se nalgún momento de ocio ou de lectura pensas: “esta idea pódoa aplicar no meu proxecto”, iso significa que estás facendo do teu traballo un propósito vital.

Liderado compartido co equipo

Un bo líder sempre precisa dun mellor equipo detrás. Para motivar e sacar a mellor versión dun equipo debes coñecer a cada un dos seus membros, se están preocupados ou pasando por unha mala situación familiar, ou cales son os seus soños e aspiracións futuras. E esas diferencias son as que fan enriquecedor un equipo.

Un equipo debe remar sempre na mesma dirección, a pesar de que cada un dos seus membros sexa diferente, e un bo líder debe axudarlles a medrar e a explotar o seu potencial.

E o mellor de todo, un equipo debe divertirse co seu traballo a diario, se están a gusto e felices, conseguirán os seus obxectivos.

Un bo líder precisa dun mellor equipo. Para que o equipo saque a mellor versión de si mesmo o líder debe coñecer perfectamente a cada un dos seus membros, cohesionar ao grupo entendendo que os talentos de cada persoa son diferentes, axudarlles a medrar e a potenciar o seu talento.

Liderando as relacións co cliente

  • Cada cliente é un segmento polo que se debe promover a hiperpersonalización e polas respostas en tempo real.
  • O cliente ten que ver que lle ofreces valor dende que decide comprar ou contratar un servizo ata que di adeus.
  • Se te equivocas, non teñas medo de pedir desculpas e aboga pola transparencia.
  • Aposta polos novos formatos comunicativos que aportan identidade de marca.

A clave está no uso da tecnoloxía, en ser claros e transparentes e empatizar coas súas necesidades.

Por último Paz Comesaña animounos a que creamos máis veces que podemos conseguilo, porque así é cando realmente o logramos. Graciñas por esta conversa tan inspiradora e moitos éxitos, Paz 🙂

Agradecemos ao Cluster da Comunicación por axudarnos na organización, ao CírculoDircom e a Creatividade Galega polo apoio e difusión e a dinahosting polo patrocinio.