Onte celebramos unha desas sesións que deixan pegada. Xunto co Clúster do Ecommerce Galego, na…
LinkedIn como espazo de liderado e conversa profesional: Judith Gutiérrez en Markea
Se hai unha rede social onde os profesionais poden realmente destacar, conectar e influír, esa é LinkedIn. Así o deixou claro Judith Gutiérrez Salvadó, Senior Community & Partnerships Manager de LinkedIn España, nunha charla na que compartiu claves valiosas para aproveitar ao máximo esta plataforma.
Un espazo único para profesionais
LinkedIn conta con máis de 1.000 millóns de membros en máis de 200 países. Pero o seu valor non está só na escala, senón na calidade da comunidade: persoas que buscan aprender, medrar profesionalmente e intercambiar ideas. Aquí, a confianza, o coñecemento experto e a interacción significativa son os piares.

As voces persoais teñen máis impacto que as corporativas
Un dos puntos máis destacados da charla foi a idea de que as publicacións feitas desde perfís persoais —especialmente de líderes e profesionais— teñen moitísimo máis alcance e interacción que aquelas feitas dende páxinas de empresa. De feito, as mensaxes compartidas por persoas teñen un engagement 561% maior que cando veñen directamente da marca. E multiplícase por 24 cando os propios empregados son quen difunden os contidos da empresa.

O que funciona en LinkedIn: contido con propósito
Os usuarios de LinkedIn valoran as reflexións persoais con base profesional, as análises de tendencias, as recomendacións e os consellos útiles. Judith destacou exemplos concretos de publicacións ben estruturadas, con uso intelixente de hashtags, recursos visuais e chamadas á acción que invitan á conversa.

Non se trata de facer autobombo, senón de aportar valor á comunidade: explicar o por que das cousas, contar o que significou unha reunión ou evento, ou simplemente dar unha perspectiva propia sobre un feito ou tendencia.
Cando e como publicar?
Mellor entre semana, de luns a venres, entre as 9h e as 12h. A clave está en ser claro, directo e evitar formatos forzados. Os vídeos —curtos, verticais e con subtítulos— tamén funcionan moi ben. E non esquezas etiquetar persoas e empresas cando proceda: LinkedIn é unha rede de conexións, e as mencións axudan a estender o alcance.
Os contidos que interesa destacar
Hai certos temas que teñen maior potencial de visibilidade: novos lanzamentos de produtos ou servizos, resultados empresariais, incorporacións destacadas, reflexións sobre a industria, aprendizaxes profesionais ou efemérides. E se queres que o equipo editorial de LinkedIn os difunda, mellor compartilos dende o perfil dun portavoz que lle dea contexto e visión persoal.
Programas e visibilidade: máis alá das publicacións
A charla tamén abordou iniciativas como Top Voices, onde LinkedIn identifica e promove a profesionais que destacan pola calidade e constancia dos seus contidos. Ou series como “CEO do mes” ou “Como cheguei ata aquí?”, que dan visibilidade a líderes inspiradores. Participar é posible, pero require ser activo e auténtico na plataforma.

Conclusión: LinkedIn é moito máis que un CV dixital. É unha canle de comunicación directa, profesional e poderosa, onde compartir experiencias, aprendizaxes e visións pode xerar conexións valiosas e abrir portas. Se tes algo que contar, este é o lugar. Porque, como lembrou Judith, “se ti non o contas… contarano outros”
