Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
Made in me, máis de 3 billóns de zapatos diferentes
Onte pola tarde puidemos gozar da presentación que Luis Álvarez, fundador de “Made in me“, nos fixo da súa empresa. Trátase dun ecommerce de zapatos personalizados dirixido tanto ao cliente final coma ao profesional. O máis importante deste innovador negocio é, nas suas palabras, “poñer ao cliente na pirámide da cadea de produción”. “O cliente é quen deseña o produto que quere comprar”. Na súa plataforma web o cliente pode deseñar o produto segundo os seus gustos (dispoñen de máis de 3 billóns de zapatos diferentes) e despois un artesán zapateiro crea ese zapato único.
Luis explicounos que a súa proposta de valor ten cinco piares:
- Made in Spain, que lles aporta o atributo da calidade que o noso país ten no mercado do calzado.
- Personalización pola mestura de artesanía e tecnoloxía, porque os zapatos os deseñan os clientes pero fabrícaos un artesán zapateiro grazas a unha tecnoloxía (3D) que deseñaron eles mesmos, porque non existía nada parecido no mercado.
- Servizo ultrapersonalizado, non só pola personalización do produto senón porque teñen unha relación directa con cada cliente ao que contactan antes de fabricar, co obxectivo de asegurarse de que todo é como especificaron na ferramenta de deseño da web.
- Multicanle & Multitarget, xa que como adiantabamos non só venden ao cliente final, senón tamén aos profesionais, e dicir, ás tendas que poden elixir que o produto teña a sua marca ou non, e facer pedidos pequenos cos seus propios deseños ou usalos na tenda co cliente final.
- Regalo perfecto. Convértese nun regalo perfecto porque o receptor do mesmo goza dunha experiencia memorable, de algo no que ten que involucrarse para obtelo, é coma unha tarxeta regalo pero co valor engadido da creación do produto por parte do cliente final.
Alguns datos que nos deixou e que impresionan son, por exemplo, que teñen un 95% de clientes moi satisfeitos, e que a súa porcentaxe de devolucións é dun 8%, cando a media do sector é dun 26%.
Foi unha tarde moi interesante onde coñecemos “a caixa que contén millóns de zapatos”.