skip to Main Content
IEMD MARKEA 6

Os responsables de márketing en Galicia son máis optimistas en canto á recuperación do sector que a media nacional

Os responsables de márketing galegos teñen unha expectativa máis positiva en canto á evolución do mercado e das súas vendas para este primeiro semestre de 2024, se comparamos o dato en relación aos enquisados de toda España. Estas conclusións extráense do estudo realizado por AMKT, a Asociación de Marketing de España e onde Markea, a Asociación Galega de Marketing colaborou man a man para obter datos concretos sobre a situación do márketing en Galicia.

O IEMD, o Índice de Expectativas de Marketing, identificou as previsións de máis de 300 profesionais de márketing de grandes compañías entre o 23 de novembro e o 30 de decembro de 2023, sobre tres áreas de interese: o comportamento do mercado, as vendas da súa empresa e o investimento publicitario previsto para o primeiro semestre do 2024. Esta onda de enquisados incrementouse significativamente con respecto a anos anteriores grazas á achega de Markea, cun 12,37% do universo total de expertos entrevistados no estudo.

Markea AMKT informe marketing

Comportamento do mercado, datos máis optimistas en Galicia

Respecto á marcha do mercado xeral, o indicador que mide as expectativas dos responsables de márketing en Galicia sitúase nos 2,61 en Galicia, case un punto por riba da media nacional, 1,65. En relación ás vendas propias, os enquisados galegos obtiveron un indicador de 2,82, lixeiramente superior á media nacional, situada en 2,65. E en canto ao investimento publicitario, as expectativas son máis positivas con 2,97 puntos.

O investimento publicitario suporá unha panca de impulso do crecemento en vendas neste semestre en Galicia cunha suba de +3%. Un 37% dos enquisados en Galicia son máis pesimistas do que eran 6 meses atrás, e un 29% son máis optimistas. Este dato é sensiblemente máis positivo que a media nacional, onde un 47% das persoas preguntadas é máis pesimista e un 19% máis optimista.

En relación á pregunta de como foi o peche de empresa en 2023, un 69% dos enquisados galegos declaran que foi mellor do previsto. En España, un 44% dos enquisados manifesta que o peche foi mellor do esperado, 15 puntos por baixo en relación aos profesionais galegos.

Investimento e vendas en canles tradicionais e en liña, foco sobre o ecommerce como panca de crecemento

No bloque de investimento en canles tradicionais e en liña, os enquisados galegos móstranse máis conservadores que os seus colegas nacionais, ao indicar que só o 18% das empresas inviste máis dun 40% en publicidade dixital. O dato é moi inferior á media nacional, xa que un 44% dos enquisados inviste máis dun 40% en publicidade en liña.

Se falamos das vendas en e-commerce vs. do total das vendas nas súas empresas, un 24% das empresas venden máis dun 5% dos seus produtos a través de canles en liña. Nos segundos semestres sempre se nota un peso maior do e-commerce que fai que o nivel de satisfacción aumente.

markea amkt marketing

Só 4 de cada 10 profesionais do Marketing en Galicia consideran satisfactorio o seu nivel de vendas nesta canle dixital.

Expectativas sobre a situación económica do país e do sector do márketing, e factores crave que afectan á actividade

O 41% dos profesionais do márketing considera que a situación económica do país é agora peor, por un 30% que a considera mellor. De novo, a perspectiva en Galicia é máis optimista que en España. 4 de cada 10 CMOs galegos cren que a recuperación económica ao nivel previo á crise COVID non será unha realidade ata 2025 e 2026.

Se nos fixamos concretamente no sector do márketing, un 40,5% das persoas enquisadas galegas cre que a situación é similar ou mellor que antes do COVID, e un 27% móstranse máis cautos, ao declarar que a recuperación do márketing non a imos a alcanzar ata o segundo semestre do 2024.

Sobre os factores que máis impactan na actividade do márketing, o top 3 está encabezado pola inflación, a previsión de crecemento económico de España e os tipos de interese segundo os enquisados galegos.

markea amkt marketing

Conclusións

Os resultados do estudo en Galicia reflicten que os expertos en márketing son máis optimistas que os seus compañeiros en España respecto a a evolución do mercado e as vendas na súa empresa. E valoran que o investimento publicitario será unha ferramenta moi importante no crecemento das vendas para o primeiro semestre deste ano.

markea amkt marketing

Deixámosvos os informes para descargar: