O III MarkeaFest é a nosa cita anual co territorio e o marketing: un lugar, a xente e a sensación de estar exactamente onde había que estar.
Markea celebra o VIII Foro de Marketing e Vendas con APD
O pasado 14 de abril, Markea participou na organización do VIII Foro de Marketing e Vendas con APD, unha cita xa consolidada como referente para profesionais e empresas do sector en Galicia. O encontro tivo lugar no Museo do RC Deportivo da Coruña, un espazo singular que reuniu directivos, responsables de marketing, vendas e comunicación arredor dos principais retos e oportunidades que marcan a evolución do mercado actual.
A xornada serviu como punto de encontro para compartir coñecemento, tendencias e experiencias reais nun momento no que a innovación, a dixitalización e a intelixencia artificial están a redefinir as estratexias comerciais e de marca das organizacións.
O acto inaugural contou coa participación de Mercedes González, en representación de APD; Lucía González, vicepresidenta de Markea; Fátima Delgado, de Avante; e María Rivas, directora do Museo do RC Deportivo da Coruña, que exerceu como anfitrioa do evento. Durante a apertura, as participantes destacaron a importancia de promover espazos de diálogo entre empresas e profesionais para impulsar a competitividade, a innovación e a colaboración entre sectores.

Ao longo da mañá desenvolvéronse diferentes espazos de análise e debate nas que expertos e profesionais compartiron visións estratéxicas, aprendizaxes e casos prácticos relacionados co marketing, as vendas e a transformación empresarial.
Ponencia 1: EU ERA (IA)-TEO, PERO AGORA CREO…
Con Laura Alonso e Patricia Rincón de Avante

Mesa 2: Ecommerce: estratexia, captación e conversión
Moderada por Judit Cabana Vicepresidenta do Clúster Ecommerce, e coa participación de Roberto Fraga, CEO de Pilgrim, María Dosil, Ecommerce & Marketing Digital de Alda Hotels e Manuel Vilela, Director de Proxectos de Nutribiótica.

Mesa 3: IA e automatización na atención ao cliente
Moderada por Álvaro Fontela CEO de Raiola Networks, e coa conversa de Yago Fernández Head of Growth Automation en Tales Venture, Dani Cerqueiro, CMO de Docuten e Iria Álvarez, CEO de Almamark.

Mesa 4: Marketing B2B: cando marketing e ventas traballan xuntos
Moderada por Beatriz Pereira, CEO de iuni, onde participaron Cecilia Díaz EMEA Marketing en Red Hat, Diego López, CEO de Tac, Sergio Martínez-Aoiz, Responsable de Marketing e Negocios patrocinados de Abanca e Marcos Escudeiro, CMO de Finsa.

As distintas sesións xeraron un intenso intercambio de ideas sobre cuestións clave como a evolución do comportamento do consumidor, a integración da tecnoloxía nos procesos comerciais, a xeración de valor nas marcas e os novos modelos de relación co cliente.
Ao remate deu unhas palabras de despedida Xosé Luis Reza, presidente fundador de Markea, que recordou as primeiras edicións do Foro e destacou a labor das nosas avoas como referentes do marketing galego.
Un dos momentos máis especiais da xornada foi a visita ao campo do RC Deportivo da Coruña, unha experiencia moi ben acollida polas persoas asistentes. Coñecer desde dentro un espazo tan emblemático para a cidade e para o deporte galego achegou un valor diferencial ao encontro, reforzando ademais a conexión entre marca, territorio e comunidade.
Desde Markea queremos agradecer de maneira especial a colaboración de todas as entidades que fixeron posible esta edición do foro. O noso recoñecemento para Avante, polo seu apoio continuo; para Raiola e Tac, pola súa implicación; para o RC Deportivo da Coruña, pola súa hospitalidade e colaboración; e para os clusters da Comunicación e do Ecommerce Galego, cuxa participación contribuíu a ampliar o alcance e a relevancia desta cita.
Tamén queremos agradecer a presenza de todas as persoas asistentes, que coa súa participación e interese consolidan o VIII Foro de Marketing e Vendas con APD como unha referencia imprescindible no calendario profesional galego.
En Markea seguimos apostando por impulsar encontros que conecten talento, ideas e oportunidades. Esta nova edición do foro confirma a importancia de seguir creando espazos nos que compartir coñecemento e avanzar xuntos cara ao futuro do marketing e das vendas.
