skip to Main Content
Portamérica Portada Markea

Markea visita o Festival PortAmérica da man de Esmerarte

O pasado venres 4 de xullo tivemos a oportunidade de vivir unha experiencia única no Festival PortAmérica 2025, grazas ao convite de José Carlos Giménez, socio de Markea e Director de Negocio e Relacións Institucionais de Esmerarte.

A través dunha visita guiada, José Carlos recibiu a unha vintena de socios/as de Markea e ofreceunos unha visión privilexiada do que se agocha detrás da organización dun dos festivais máis recoñecidos do panorama galego e estatal.

Durante a visita, puidemos gozar da programación musical do venres (Emilia, Iván Ferreiro ou a Love of Lesbian), descubrir as propostas gastronómicas do ShowRocking —cun elenco de cociñeiros e cociñeiras de primeiro nivel— e coñecer de preto os valores que sustentan este evento. Un dos momentos máis inspiradores foi a intervención de Kin Martínez, Director do Festival e de Esmerarte, quen afondou na vertente social de PortAmérica.

Kin explicounos como esa dimensión social, presente dende os inicios do festival, deu un paso adiante coa creación da Fundación PortAmérica, nacida hai uns meses co obxectivo de canalizar e amplificar o impacto positivo do festival sobre o territorio e a sociedade. Agárdase que nas vindeiras semanas se presenten oficialmente os primeiros proxectos da fundación, que buscan fortalecer o compromiso do festival coa cultura, a sustentabilidade e o desenvolvemento local.

Para Markea foi unha ocasión para coñecer de primeira man unha iniciativa referente que conxuga música, gastronomía, innovación e responsabilidade social. Grazas a José Carlos e ao equipo de Esmerarte por abrirnos as portas deste proxecto tan inspirador e por compartir a súa visión co tecido profesional do marketing en Galicia.