Hai uns días un grupo de persoas privilexiadas de Markea tivemos a oportunidade de coñecer en exclusiva a destilería de Pepe Albela, en Vedra
Nace o ‘Día do Marketing Galego’, MarkeaFest
O pasado sábado, 11 de maio, celebrouse a primeira edición do Día do Marketing Galego, MarkeaFest, na Illa de Ons, un evento destinado a converterse na gran reunión anual para as persoa asociadas entusiastas do márketing.
Para aqueles que cren que o márketing é moito máis que estratexias e cifras, o MarkeaFest preséntase como unha experiencia inspiradora onde aprender, compartir e, sobre todo, gozar cada momento. O evento levouse a cabo nunha localización impresionante e contou cun ambiente festivo que superou todas as expectativas.
Unha xornada enriquecedora e divertida
A xornada inaugurouse cunha viaxe en barco desde o porto de Bueu ata a Illa de Ons. Ao chegar á illa, deuse inicio ao Roteiro do Faro, onde os participantes, divididos en dous grupos e acompañados por guías expertas, descubriron os encantos naturais deste destino, gozando de paisaxes serenas e enriquecedoras. Tras o roteiro, tocaba repoñer forzas e así se fixo en Casa Acuña onde non só gozaron dunha boa comida, senón tamén das vistas impresionantes e a compañía.
A charla da tarde, a cargo de Putos Modernos, foi especialmente destacada por ser divertida, amena, refrescante e inspiradora. Ademais, un vídeo do noso presidente, Pepe Cabanas, desde Montevideo, engadiu un toque especial ao día, mentres que o noso secretario xeral, Yago Díaz, presentou unha nova liña de actividades dentro do marco da Responsabilidade Social Corporativa (RSC).
Para culminar a xornada, gozamos de música a cargo de ‘Nacional 81’, que nos animou con éxitos das décadas dos 80 e 90, creando un ambiente festivo e memorable que marcou o peche perfecto deste primeiro Día do Marketing Galego, MarkeaFest.
Compromiso coa Responsabilidade Social
Comprometidos con xerar un impacto positivo tanto na nosa comunidade como no medio ambiente, estamos emocionados de lanzar unha nova liña de actividades de RSC. Este ano, inauguramos a iniciativa cunha limpeza de praias programada para setembro. Ademais, para potenciar a participación e o compromiso, creamos o programa “Marketing con impacto”, unha estratexia de gamificación que recoñece e recompensa as actividades de RSC entre os nosos asociados. Os participantes serán premiados en base ao número de actividades de RSC nas que participen ao longo do ano. Este enfoque non só procura unha maior implicación, senón que tamén fomentar unha cultura de responsabilidade, compromiso e recoñecemento entre os nosos integrantes.
Unha invitación estendida
O MarkeaFest non é só unha oportunidade para profundar na nosa paixón polo márketing; é tamén un momento para compartir. Por iso, abrímonos e damos a oportunidade de que cada socio poida convidar a unha persoa, forme parte do mundo do márketing ou non.
Esta invitación estendida é un reflexo da nosa crenza no poder da comunidade e o intercambio. Non só queremos celebrar o márketing; queremos celebrar o impacto que pode ter na vida das persoas, dentro e fóra da nosa profesión. Así, o Día do Marketing Galego convértese non só nunha xornada de aprendizaxe e diversión, senón tamén nunha oportunidade para inspirar e ser inspirados por aqueles que quizais vexan o noso mundo desde unha perspectiva diferente.
Colaboradores
Queremos expresar o noso sincero agradecemento aos colaboradores que contribuíron ao éxito deste evento. O seu apoio foi fundamental para facer do primeiro Día do Marketing Galego, MarkeaFest, unha experiencia completa e memorable. Foron Ahao, Miraveo e tac! Activando o recordo da túa marca.