A IA vainos sustituir? Non, vainos dar superpoderes! Eso é o que nos quedou claro…
Un brinde polo marketing galego con Martín Códax e o Celta de Vigo
Onte os socios e socias de Markea gozamos dunha visita moi especial ás bodegas Martín Códax, convidados polo noso socio Jorge Pallarés, director de marketing da bodega.
A tarde comezou cun viño na man e o sol acompañando, creando o mellor ambiente para conversar e compartir.
Tivemos tamén a sorte de escoitar a Gael García Cochón, director de marketing do RC Celta de Vigo, quen nos revelou a estratexia detrás do centenario do club: desde o videoclip A Oliveira dos 100 anos con “Pucho” (C. Tangana) ata accións tan potentes como implicar aos 313 concellos galegos na conquista de Europa, enviándolles camisetas e bandeiras.
Gael compartiu tamén outros fitos, como a visita de Marian Mouriño á La Revuelta, cun impacto en PR valorado en 17 millóns de euros, ou o patrocinio do popular programa televisivo que achegou aínda máis visibilidade ao club.
Un recordatorio de que o marketing, cando se fai con visión, promove emocións colectivas, xera orgullo de pertenza e proxecta unha marca —sexan empresas, institucións ou clubs deportivos— máis alá das súas fronteiras naturais.
A xornada pechouse cun paseo en barco polas Rías Baixas, con concerto en directo de Penny Lane e uns pinchos para rematar por todo o alto.
Unha visita de 10 que combina formación en marketing, networking e conexión co territorio. Saímos con novas ideas, inspiración e coa certeza de que o marketing en Galicia ten moito que aportar: por talento, por creatividade e porque sabemos conectar co que nos fai únicos.








