skip to Main Content
Mesa Medios

Mesa de medios dixitais, como vén a transformación dixital?

No Flúor quixemos contar cunha mesa na que reflexar o sentir dos medios dixitais e que puidesen relatar como vén o presente e o futuro, moderada por Pablo López, de TUR43.

A primeira das preguntas lanzada é como afectou o confinamento a medios como a radio, televisión e prensa. Gumersindo Lafuente, director adxunto de eldiario.es, indica que esta situación acelerou algúns procesos e que o formato impreso, que xa estaba en decadencia, viu aumentada a súa crise. Confinados era moi difícil ir mercar xornais, e os seus lectores descubriron que se podían informar doutra maneira. A realidade de pronto foi monotemática, non había fútbol, nin cine, nin espectáculos e houbo medios que souberon reaccionar mellor e outros que se sentiron máis incómodos. Apunta Gumersindo que as cifras do consumo de información se dispararon e que esta situación nos fixo aprender que a publicidade en soportes físicos está nos seus últimos momentos, salvo contados soportes.

Rocío Echevarría, Directora de Negocio Dixital en PRISA Radio, explica que tiveron un record histórico nos seus produtos dixitais, especialmente na Cadena Ser e relativo ao consumo de música. Onde notaron un impacto máis negativo foi na realización de eventos, o que lles obrigou a reinventarse e mudar a súa canle de distribución. Relativo á forma de facer radio, notaron poucos cambios, xa que estaban acostumados a facer contidos dende o Congreso por exemplo.

Francisco Sierra, Director de Contidos Dixitais e Redes Sociais de Atresmedia, afirma que os datos de audiencia e consumo de contido informativo foron moi bos durante estes meses. Porén, facer televisión durante os meses do confinamento foi moi díficil e moitos programas víronse afectados pola ausencia de público. Aínda así Sierra saca a parte positiva porque foron quen de informar, entreter, xerar contidos audiovisuais e seguir ao carón do público. Pon o acento na importancia de Atresplayer e no consumo da televisión intelixente, o que convida a seguir na mesma liña de traballo. Remata Francisco Sierra confesando que ao principio eran escépticos co teletraballo, pero que tras estes meses considera esta vía perfectamente viable.

A publicidade nos medios dixitais

Rocío Echevarría destaca que facer publicidade nos medios dixitais permítelle ao anunciante medir e obter máis datos e dirixirse a un público máis segmentado. Francisco Sierra especifica que temos que poñer especial atención en diferenciar o que é contido do que é publicidade, que o vídeo ten máis fortaleza que nunca e que o branded content está a ter un impacto moito maior. A aposta debe pasar pola creatividade e facer contidos moi interesantes.

Independencia dos medios

Gumersindo Lafuente especifica que o camiño debe pasar por reducir a dependencia da publicidade aumentando as subscricións. Durante estes meses o seu diario incrementou o número de subscritores, supoñendo o 50% dos ingresos do medio. Mentres para facer un anuncio de televisión se invirte moito diñeiro, no dixital semella que a inversión en creatividade é menor. Gumersindo considera que hai moito percorrido respecto ao branded content, xa que hai que axudarlle ao usuario a identificalo mellor e velar porque sexa un contido de calidade que non poña en risco a credibilidade do medio.

Francisco opina de forma diferente, incidindo que a publicidade é a forma principal de financiamento de medios. Explica que o confinamento axudou a rebaixar a resistencia do consumidor ao pagamento por contidos, pero que aínda queda un longo camiño porque non todo o mundo está disposto a facer ese gasto.

Na radio non poden ir cara un modelo tan agresivo de subscrición ao 100%, porque o mundo analóxico aínda é importante segundo Rocío Echevarría. Aínda así van comezar co pagamento por consumir un determinado programa ou contido.

Un dos retos profesionais destes momentos dos medios dixitais é ser útiles, confiables, accesibles e por último, ser rendibles.

O papel das redes sociais

Gumersindo indica que hai medios que están usando as redes de forma intelixente xa que son un magnífico escaparate e outros non tanto. Un mal uso das redes sociais, a publicación de noticias de dubidosa procedencia pode afectar á credibilidade da marca.

Rocío explica que necesitamos as redes sociais porque permiten captar audiencias e podemos facer grandes cousas con elas. Os medios facemos contidos de calidade e estamos no momento en facer grandes cousas xuntos.

Graciñas por participar nesta mesa, Rocío, Francisco e Gumersindo.

E un gran aplauso aos membros do Comité Técnico de Flúor que coa súa implicación e esforzo lograron que o Flúor siga sendo un evento de referencia congregando a case 900 espectadores. E como non, aos patrocinadores polo seu apoio: Concello de Pontevedra, Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, iconweb, Roi Scroll, Avante Medios, Bysidecar, dinahosting, Deputación de Pontevedra, Cactus Digital, Miraveo, Redegal e ao Clúster da Comunicación.