skip to Main Content
Paulo Rodríguez

O cliente no centro da tecnoloxía colaborativa

A xornada da tarde do mércores 18 de xuño, estivo dedicada ao customer centric e transformación dixital. Paulo Rodríguez, senior Director de EMEA Solutions en Dropbox, iniciou a súa intervención explicando que Dropbox arrincou no 2008 ofrecendo solucións de almacenamento, pero que agora van un pouco máis alá axudando a colaborar con ese contido. A colaboración é entendida como a conxunción de tres factores: o contido en si mesmo, a comunicación con ese contido e o contexto que o arrodea.

O mail é unha ferramenta de mínimos, non é eficiente nin a forma máis rápida de traballar. Segundo Paulo, durante este confinamento as empresas tiveron que apostar por outras ferramentas como Slack ou Teams para colaborar.

Con 600 millóns de usuarios, Dropbox é unha das empresas con mellor perspectiva para explicar o que está pasando. Paulo incide que o obxectivo número 1 de empresas e persoas durante a pandemia foi sobrevivir e sacar o traballo adiante. Agora empezamos a ver un cambio, pero malinterpretamos o concepto de traballar dende a casa, que debe ser entendido de forma distribuída (combinación de traballo presencial, traballo na casa), e esquecernos da rixidez anterior.

Paulo conta o caso dunha editorial inglesa, que en 8 horas logrou que a plantilla de 200 persoas puidera teletraballar coas solucións que ofrecen e seguir publicando libros. A supervivencia do negocio estaba en xogo.

Customer centric, cultura de empresa

A cultura corporativa de Dropbox baséase na colaboración é ter ao usuario no centro, desenvolvendo solucións para que o produto sexa o máis funcional posible. Pero centrarse no usuario non é doado e pode conlevar conflitos. Conclúe Paulo que facer as cousas ben revirte finalmente na conta de resultados porque aínda que perdas diñeiro a curto prazo, gañaralo ao longo prazo.

A meirande parte do traballo de Dropbox baséase na xestión do cambio, mudando os procesos e implementando ferramentas máis modernas para axudar aos seus clientes. Para iso dedican moitas horas de investigación de usuario, detectando que é o que precisan.

Como consello para empresas de comunicación que queiran expandir os seus negocios con clientes internacionais, Paulo aconsella que é preciso ter unha base tecnolóxica que permita articular a proposta de valor e unha ferramenta colaborativa. Unha vez solucionado isto, debemos ter unha boa actitude e deixar atrás as nosas autolimitacións, que son as que nos inhiben de expandirnos cara outros lugares.

Paulo rematou a súa ponencia relatando os valores de Dropbox, sendo a confianza un deles. Estes valores de empresa non son inmutables, e deben adaptarse ao momento no que estea a empresa.

Foi un verdadeiro luxo poder contar coa charla de Paulo Rodríguez. En Galicia temos moito talento!

E un gran aplauso aos membros do Comité Técnico de Flúor que coa súa implicación e esforzo lograron que o Flúor siga sendo un evento de referencia congregando a case 900 espectadores. E como non, aos patrocinadores polo seu apoio: Concello de Pontevedra, Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, iconweb, Roi Scroll, Avante Medios, Bysidecar, dinahosting, Deputación de Pontevedra, Cactus Digital, Miraveo, Redegal e ao Clúster da Comunicación.