Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
O kit do bo portavoz: 4 ferramentas para ser a voz visible da empresa ou de nós mesmos
Os martes non son martes sen o noso afterwork na casa. Nesta terceira sesión aprendemos as ferramentas para ser a voz visible da nosa empresa ou de nós mesmos, da man dun dos nosos mellores embaixadores, Luis Fraga.
Ao longo de 75 minutos, e ante máis de 90 asistentes virtuais, Luis falounos da importancia da mensaxe, tanto no fondo como na forma, das roldas de prensa, das entrevistas, do prompter e dos vídeos. Todas estas ferramentas, ben usadas, farán de nós un bo portavoz.
1. A mensaxe
Sempre que vaias falar en público, constrúe unha mensaxe atractiva e cun bo titular. Pensa en ti como público, e no que che gusta escoitar ou ler nun xornal ou entrevista en televisión.
O exercicio é simple: prepara un pequeno discurso tipo (para unha entrevista, para un elevator pitch…) e adáptao a distintas situacións. Estas son as claves dunha mensaxe efectiva:
- Fai un discurso breve, de menos dun minuto, falando en positivo e cun sorriso
- Dá titulares nese discurso e pensa no que che gustaría ler a ti no xornal ao día seguinte
- Sempre que argumentes, aporta datos e exemplos para soster o teu discurso
- Constrúe unha mensaxe fácil de comprender, pero tampouco teñas medo a introducir termos técnicos. Para incorporalos, sempre podes engadir un “é dicir”, despois da palabra técnica para explicala
- Non temas ao silencio. Pausas breves axudan a enfatizar e danlle uns segundos valiosos ao teu público para asimilar a información
- Ponte na pel do portavoz e non te metas en enredos. Pensa que non debes falar como un cidadán de a pé
- Pensa que todo esforzo ten a súa recompensa, e un bo discurso farache sentir ben
- Un pouco de medo antes dunha presentación é bo, farache estar máis alerta, co cal o teu discurso sairá mellor
- Uso da “técnica puente”. Fala sempre coa verdade, pero ante unha pregunta incómoda ou fóra do teu ámbito, podes desviar a conversa dunha forma elegante
- E por último, positivismo. Pensa nas 3 PPP (Pensamento Positivo Permanente). O público quererá aplaudirche.
Contestar ou non contestar a preguntas incómodas? Luis Fraga recomendounos CONTESTAR SEMPRE, pero coida a mensaxe que deas. Na túa resposta en redes sociais apela á persoa, chámalle polo seu nome. Aporta información e non teñas medo a pedir desculpas. Un bo truco é asinar a mensaxe, xa que lle dará máis humanidade.
2. As roldas de prensa
Facer un bo uso das roldas de prensa fará de ti un bo portavoz. Toma nota destes consellos:
- Á hora de preparar unha rolda de prensa, como moito 3 portavoces. Pensa que todos teñen que intervir, e cantas máis voces, máis perigo en caer en contradicións
- Prepara previamente as mensaxes a comunicar, o argumentario que quero transmitir e as posibles preguntas que che poidan facer
- Ao principio comunica a túa idea forza, despois deixa un tempo para preguntas e completa a rolda de prensa enfatizando novamente nas ideas chave
- Para terminar, promulga os corrillos e os dossieres, para matizar as mensaxes cos xornalistas máis próximos. Esta técnica tamén serve para establecer relacións de confianza
3. As entrevistas
Para ser un bo portavoz, debes preparar con tempo as entrevistas que che farán. O primeiro de todo, é coñecer ao teu entrevistador, saber como se comporta, se é dun medio afín e o seu estilo de preguntas. Estes son os 4 tipos de entrevistadores:
- Entrevistador matizador. Interpretará as túas declaracións e pon un titular en directo sobre o que dis. Como solución, aclara as súas matizacións antes de que sexa demasiado tarde
- Entrevistador ametrallador. Farache moitas preguntas ao mesmo tempo, polo que podes aproveitar para responder as cuestións que máis che interesen
- Entrevistador que repregunta. Hai outros entrevistadores que fan múltiples veces a mesma pregunta. Como solución ante este bombardeo, podes usar a técnica puente pero dunha maneira discreta
- Entrevistador riquiño. Estes entrevistadores dan confianza ao entrevistado, e conforme pasa o tempo, irán introducindo preguntas máis complexas
4. O prompter e os vídeos
Os vídeos son unha ferramenta poderosa e cada vez máis de moda por ser tan doada de consumir. Sempre que teñas que facer unha intervención en público, en directo ou gravada, podes botar man dun prompter para non ter que memorizar todo o discurso.
Iso sí, o texto non se pode ler de corrido. Hai que facer pausas, pestanear, mover os brazos e interpretar o que estás lendo para que non se note que é un discurso lido.
Podes botar man da ferramenta gratuíta https://cueprompter.com/
Moitas grazas a todas e todos que vos apuntáchedes a este “afterwork no fogar”. E sobre todo, un grande aplauso para o noso relator, Luis Fraga. Graciñas ao Cluster da Comunicación pola organización, ao Círculo, Dircom e Creatividade Galega polo apoio e como non, a dinahosting polo patrocinio.