Coñecemos os resultados da enquisa elaborada por AMKT na que colabora Markea para este segundo semestre do 2024
Celebramos o noso décimo aniversario cun redeseño do noso logotipo
En Markea festexamos os 10 anos de andaina da asociación cun redeseño do noso característico logotipo. O obxectivo? Representar todo o camiño andado. E para levar a cabo tal labor confiamos no fantástico equipo de Quattro IDCP, graciñas Jaime e Antía por axudarnos.
Como podedes ver, no logo amósase o número X en números romanos. Casualidades da vida, este símbolo non só representa ao 10, senón outros conceptos e accións, como marcar unha casilla, indicar onde se atopa un tesouro nun mapa, facer unha escolla. O X tamén en horizontal simboliza o infinito, xa vedes que é un recurso con infinitas posibilidades no imaxinario.
Ademais tamén aportamos neste redeseño un cambio na tipografía e a K igúalase xunto co resto dos caracteres. Tamén fixemos versións reducidas do logotipo para as redes sociais e o favicon da web.
Seguimos coas nosas cores características, pero combinámolas para que o símbolo X e a K, compartan a mesma cor.
Quixemos acompañalo dun lema, 10 anos co marketing galego. Porque iso é Markea, unha asociación de profesionais do marketing con case 150 asociados e máis de 100 empresas representadas. E dunha forma ou outra, ao longo destes anos, intentamos aportar o noso granciño de area para visibilizar o marketing, ás persoas que traballan nel e facer do noso labor unha área estratéxica en todas as empresas.
En Markea temos preparado un ano completo de actividades para festexar esta década. Visitas a empresas, formación, afterworks online e presenciais, ferramentas que nos axudarán a comunicarnos entre todos os asociados e outras colaboracións. Quedade pendente das nosas redes sociais e páxina de blog!
E deixámosvos un vídeo onde explicamos todo o proceso creativo deste redeseño. Agardamos que vos guste tanto como a nós 🙂