A IA vainos sustituir? Non, vainos dar superpoderes! Eso é o que nos quedou claro…
Cociñando ideas: conversa con Marián Mouriño, presidenta do RC. Celta e Alberto González, chef do Silabario
Hai proxectos que demostran que o marketing máis efectivo non nace só dunha campaña aillada, senón dunha identidade construída ao longo do tempo.
Esta semana, dende Markea, tivemos a oportunidade de visitar a Sede do RC Celta de Vigo, un espazo aberto á cidade de Vigo, onde o deporte e a gastronomía danlle sentido ao termo “hospitalidade”.
A xornada comezou cun xantar no Restaurante O Silabario, situado na propia sede do club, onde compartimos unha conversa moi natural con Marián Mouriño, presidenta do RC Celta de Vigo.
Durante o encontro falamos de moito máis que de fútbol. Falamos da importancia de apostar pola canteira como un proxecto de futuro, de como se constrúe unha cultura de club baseada na formación e no sentimento de pertenza, e do compromiso coa igualdade a través de As Celtas, o equipo feminino.
Tamén coñecemos algunhas das accións que conseguiron conectar emocionalmente coa afección e con toda Galicia. A campaña de recuperación da camiseta do Celta que Madonna luciu no seu concerto en Vigo, o emocionante vídeo da renovación de Iago Aspas ou a creación de A Oliveira, o himno do centenario, son exemplos de iniciativas que transcenden a comunicación máis convencional para converterse en historias compartidas por milleiros de persoas.
Porque detrás de todas elas hai unha mesma idea: respectar os valores do club, construír relatos auténticos e contar as historias detrás das persoas.
Foi especialmente interesante comprobar como o storytelling se converte nunha ferramenta estratéxica cando nace dunha identidade sólida e cando existe un firme compromiso por coidar tanto o equipo humano que traballa no club como os propios xogadores.

Ao rematar o xantar tivemos a oportunidade de conversar con Alberto González, chef do Restaurante O Silabario, quen nos explicou a filosofía da súa cociña. Unha proposta baseada no respecto absoluto polo produto galego de tempada, na procura constante da excelencia e nunha forma de entender a gastronomía que tamén deixa espazo para o equilibrio persoal e familiar.
A visita rematou no Salón Regio da sede do club, un espazo cargado de simbolismo. Dende Markea seguimos convencidos de que aprender dos proxectos que están a construír marcas con identidade propia é unha das mellores formas de seguir medrando.
Moitas grazas ao noso socio Gael García, director de Marketing do Celta por organizar este encontro, a Marián Mouriño e ao equipo do Restaurante O Silabario pola súa hospitalidade e por compartir con nós a súa visión sobre liderado, comunicación, marca e territorio.





