skip to Main Content

Visita a Cafés Candelas

O pasado venres 28 de outubro as persoas asociadas a Markea tivemos a oportunidade de visitar Cafés Candelas. Moitas grazas María por facelo posible 🙂

A historia do café

Para comezar, o barista José Manuel Portela explicounos onde nace o café, que segundo a lenda foi nunha montaña de Etiopía preto do 400 d.C en mans dun pastor chamado Kaldi. Observou que as cabras tiñan moita máis enerxía tras comer un tipo de froitos parecidos ás cereixas.

Tras Etiopía, o café viaxa a Exipto e Yemen. E os árabes tiveron a exclusividade da comercialización e cultivo durante 200 anos. Pronto os cultivos voltan viaxar, a Ceilán e India. Os holandeses intentaron cultivalo en Europa, pero sen éxito. Envían os grans de café ás súas colonias no continente americano, que acabará sendo o maior produtor de café do mundo.

Se falamos das variedades do café, as dúas especies máis cultivadas son arábica e robusta e Brasil é a maior potencia mundial.

O proceso en orixe

O café extráese da planta chamada cafeto. Primeiro recóllese, despois aplícase o beneficiado, que é a limpeza e clasificación do gran, e finalmente o rebeneficiado, que é a selección e clasificación dos grans.

Tras isto, tórrase o gran verde.

Espresso e filtro

O barista Portela explicounos as diferenzas entre o café espresso e filtro. Mentres que o expresso a auga vértese mediante presión sobre o café, no filtrado a auga cae pola súa propia gravidade. O café de filtro é limpo e claro e o espresso é máis concentrado, denso e con crema.

Para facer un bo café, o consello é utilizar café en gran e recén moído. Tamén é importante controlar a temperatura da taza e de cada elemento, auga ou leite. É fundamental que a cafeteira estea limpa e conservar o café nun lugar fresco e seco.

A visita continuou probando 2 tipos de café, de Guatemala e Etiopía. Tamén puidemos ver in situ como torran os grans de café e como os moen. Ademais tamén presenciamos o proceso de envasado e almacenaxe.

Unha visita moi moi interesante e que nos aproximou á cultura do café da man dos mellores 🙂

Deixámosvos a galería de fotos: