skip to Main Content

Markea visita a Grupo Ramón García, onde as persoas son o importante

Na nosa visita a Grupo Ramón García comprobamos como unha empresa industrial pode evolucionar desde as súas raíces familiares ata converterse nun grupo internacional sen perder a súa esencia.

De taller de carpintería a grupo con presenza internacional

O que comezou como un taller de carpintería evolucionou cara a un grupo con presenza internacional, especializado en proxectos de carpintería e equipamento para:

  • Retail
  • Oficinas
  • Hoteis
  • Restauración
  • E mesmo aeroportos

Sectores esixentes, onde o detalle, a loxística e a execución marcan a diferenza.

O crecemento non foi só operativo. Foi tamén estratéxico. E aquí é onde entra en xogo o marketing para empresas industriais B2B.

Un departamento de marketing industrial B2B que nace co tempo como condición

O departamento de marketing ponse en marcha tras algunhas incursións puntuais hai casi tres anos. Xorde da man da dirección da compañía, xa na terceira xeración, ofrecéndolle á súa directora, Eva Penabad, algo pouco habitual: tempo.

Tempo para coñecer a empresa desde dentro. Tempo para entender os procesos, a cultura, o ritmo e ás persoas. De feito, máis ca unha concesión, foi case unha esixencia, como ela mesma nos contou: primeiro comprender e logo propoñer.

Este enfoque é clave no marketing B2B, porque non se pode , construír desde fóra. Necesita apoiarse na realidade produtiva, na capacidade técnica e na cultura interna.

Eva, ao chegar, entrevistouse con todos os responsables de departamento para aprender deles e coñecer a fondo o que facían. O primeiro que detectou foi algo moi significativo: xa estaban facendo marketing, aínda que non lle puxesen ese nome. Xa había relato, xa había valor. Só había que ordenalo e darlle coherencia estratéxica.

As persoas no centro (sen postureo)

Hai un detalle revelador: en todas as páxinas da web aparecen persoas. E non é casualidade.

Non só renders.
Non só produto.
Non só proxectos.

Persoas.

Nun contexto de comunicación B2B, isto é unha declaración cultural. Aquí as persoas son importantes de verdade, e a comunicación reflicte o que ocorre dentro.

Un exemplo claro é o calendario corporativo deste ano: a través de actividades dos distintos equipos, representaban os seus oficios e unha letra do naming mes a mes. En decembro, todas as pezas xuntábanse para completar o nome da compañía.

Natural. Auténtico. Sen postureo.

Comunicación interna que se converte en contido externo.

Estratexia, operacións e ventas aliñadas

Nun entorno industrial B2B, a promesa de marca cúmprese na execución.

Para evitar problemas na montaxe, levan todas as ferramentas necesarias na mesma carga que as pezas do mobiliario, ademais dun montador propio da casa. Non se improvisa. Non se externaliza a responsabilidade. Anticípase.

Como broche final da visita, puidemos ver unha habitación de hotel montada na propia fábrica. Si, totalmente real (aínda que ao baño lle faltaba a ducha).

Non falamos só de produción, senón tamén de estratexia comercial aplicada á industria, mesmo cando responde ás esixencias dunha licitación.

Ordenar, estruturar e facer visible o que xa existe

Durante anos a empresa facía moito, pero comunicaba pouco. O traballo de Eva foi, sobre todo, ordenar, traducir e dar coherencia a todo o que xa estaba a suceder.

Ela cóntao como se fose sinxelo. Quen nos dedicamos ao marketing sabemos que non o é. Non se trataba de inventar nada, senón de facelo visible.

En Gupo Ramón García constatamos que crecer internacionalmente non significa perder o ADN, senon estruturalo.

E iso, en gran medida, é o que fai un bo marketing.

Grazas, Eva, pola visita exhaustiva ás instalacións, polo teu storytelling da empresa, por atender todas as nosas preguntas e por descubrirnos que, desde a humildade e mesmo desde o rural, tamén se pode chegar a ser un referente.