skip to Main Content
Visita Crtvg Foto

Visita de Markea á CRTVG

O pasado venres 15 de marzo unha vintena de persoas asociadas a Markea coñecimos as instalacións da Corporación Radio Televisión de Galicia en San Marcos (Santiago de Compostela) da man de José Pereira, director da área de Innovación e Negocio. A corporación conta con case un millar de traballadores, agrupando a sede principal e as diferentes delegacións nas cidades galegas, Madrid e Bruxelas.

Primeiro visitamos a xoia da coroa, que é o novo plató 300 que estrearon con motivo do debate electoral das pasadas semanas. O novo espazo está presidido por unha pantalla LED, 36 metros cadrados e cuxo custe foi de 850.000 euros de investimento. A tecnoloxía é a auténtica protagonista, onde as mesas se moven para adaptarse ao obxectivo informativo e ás diferentes narrativas. Neste espectacular espazo aproveitamos para facernos unha foto de familia.

Despois estivemos na redacción da televisión, un espazo reformado no 2017. Dentro da redacción tamén hai un espazo dedicado a vixiar a actualidade informativa, e dar a alarma sempre que aconteza unha última hora. José reforzou que os cambios están á orde do día, e que están moi adestrados en mudar escaletas e bloques publicitarios.

A TVG é unha das televisións con máis minutos de directo. E iso obrígalles a ter un control aínda máis exhaustivo sobre todo o que se emite. Terminar un programa con 2 minutos de retraso, por moi pequeno que sexa, esixe que se teñan que reaxustar outras escaletas e bloques publicitarios

José Pereira

O cerebro da TVG

Despois de percorrer a redacción, dirixímonos cara o cerebro da TVG, unha sala onde diversos profesionais se dedican a organizar todo o contido que se realiza nos diferentes platós para a súa emisión, non só dentro das instalacións de San Marcos, senón todo o que procede doutros platós e das delegacións repartidas polo mapa. Tamén organizan a publicidade e ocúpanse de que na pantalla non apareza a cor “negra”, un espazo sen cubrir.

De seguido continuamos cara un espazo protagonizado por diversas pantallas, onde José Pereira nos explicou que representaban as diferentes canles de difusión de todo o contido da CRTVG:

  • TVG
  • TVG2
  • TVG Europa
  • TVG América
  • Páxina web
  • Streaming
  • YouTube
  • Redes sociais: Facebook, X, Instagram, Twitch, Tiktok

En total, 24 canles que agruparon no 2023 máis de 28 millóns de visualizacións. Por cada canle contan co seu equipo especialista.

José Pereira

Mergullámonos no mundo da publicidade

Para rematar, José Pereira e Alfonso Boullosa, delegado da zona Noroeste de Avante Evolumedia, explicáronnos o funcionamento da publicidade. Repasamos conceptos como GRP e CPM, unha unidade de medida herdada da Internet para a planificación de medios, e introducida recentemente por Atresmedia na televisión lineal.

A televisión continúa a ser un medio cun gran poder e impacto na sociedade.

José redundou que na CRTVG coidan dos seus anunciantes e que máis que buscar volume, perseguen a cobertura. Un anunciante galego poderá atopar 24 canles onde comunicar o seu novo produto ou servizo.

De feito, a TVG é das televisións que emiten menos publicidade, cun total de 13 bloques diarios duns 5 min de media. Ademais, organizan os spots de tal forma que o primeiro e o último do bloque son os que xeran máis recordo, e polo tanto, os máis cotizados. O segundo e o penúltimo e o terceiro e o antepenúltimo os que lle seguen. E os anuncios do medio son os máis accesibles.

Tamén coidan ao anunciante de tal forma, que intentan que dous anunciantes coa mesma actividade non coincidan no tempo. Apostan máis pola calidade que pola cantidade.

Dende logo foi unha visita que desfrutamos moitísimo. Miles de agradecementos a José Pereira, Victoria e María Lozano por acompañarnos e achegarnos o mundo da televisión, tan próximo, pero á vez con tantos cambios para adaptarse á nova realidade, onde a televisión baixo demanda, os fast channels e as redes sociais son competidores pola atención do espectador.

Deixámosvos unha pequena galería de fotos: