skip to Main Content

Cando a paixón é profesión. Visita á destilería de Pepe Albela

Hai uns días un grupo de persoas privilexiadas de Markea tivemos a oportunidade de coñecer en exclusiva a destilería de Pepe Albela, en Vedra. Pepe fundou hai uns anos a marca Nordés, que vendeu á empresa Osborne, e decidiu voltar a crear un conxunto de destilados (whisky, ron e xenebra), cun selo moi persoal.

A visita comezou coñecendo o proceso de fabricación do ron e do whisky. Pepe restaurou a antiga casa familiar para acoller este espazo de elaboración de destilados. Relatounos a súa historia, o porqué de cada elemento aí exposto e terminamos facendo unha cata de cada unha das bebidas. Unha mestura de sabores ben conxuntados, e maridados con diferentes tipos de queixos e mexillóns. Non só foi especial o sabor, senón que a botella tamén conta unha historia. E xa non contamos máis.

Deseguido, probamos a súa xenebra P.A 311. 311 probas, un camiño á perfección. Xa se está comercializando, e Pepe valorou súper positivamente estes primeiros meses, onde levan a súa xenebra a espazos gourmet e a eventos, e están superando todas as expectativas.

En poucas semanas estrearán as visitas guiadas e catas, e estamos moi seguros que serán todo un éxito. Cando un bo produto se xunta cunha historia familiar, cun protagonista que fai da súa paixón o seu modo de vida e todo dentro dun enclave singular, nada pode saír mal.

Só podemos agradecer a Pepe Albela e ao seu equipo o ben que nos trataron, e deixarnos testear en primeira persoa a experiencia da cata. Fomos uns privilexiados.