skip to Main Content
Img 20190920 Wa0023 3

Visitamos o Museo MEGA de Estrella Galicia

O pasado venres 20 de setembro os compañeiros de Markea visitamos o Museo de Estrella Galicia, MEGA.

Tratouse dunha experiencia sensorial, olfativa e gustativa única. Graciñas a Pepe Cabanas por ensinarnos con tanto cariño a súa casa. Agardamos repetir.

Imos co percorrido

Comezamos a visita no impresionante hall, que xunta pantallas verticais con mensaxes en español, galego e portugués, un plano do museo, xunto coa tenda Estrella Galicia (si si, teñen a venda a famosa cervexa de pementos de Padrón) 🙂

Gustounos moito que a entrada do museo estivese “disimulada” na parede, ao final a diferencia está nos pequenos detalles

1. Orixes da cervexa

A primeira sala que visitamos amosaba as orixes da cervexa dende a época dos exipcios. Sabías que aos construtores das pirámides de Exipto se lles pagaba un 25% do seu salario en cervexa?

2. Auga, lúpulo, cebada e levadura

Tras coñecer as orixes da cervexa, pasamos por diferentes espazos interactivos dedicados aos 4 ingredientes da cervexa: a auga, o lúpulo, a cebada e a levadura.

3. O quinto ingrediente: a Familia Rivera

Pero unha Estrella Galicia non é só auga, lúpulo, cebada e levadura, senón que ten un quinto ingrediente: a Familia Rivera.

4. Proceso de elaboración

Tras coñecer os ingredientes da cervexa, pasamos a unha sala enorme onde descubrimos o proceso de elaboración dunha Estrella Galicia, elaborado con moito mimo. Tamén probamos mosto de cervexa, un sabor único.

5. Visita á fábrica

A través dunha enorme cristaleira vimos a propia fábrica de Estrella.

6. Sala de publicidade

Somos marketinianos e esta sala quizais foi a que máis nos chamou a atención. Puidemos ver a evolución do packaging e dos bidóns de Estrella, dende o 1906 ata agora. Como cambiamos eh!

Tamén a través de diferentes pantallas vimos as campañas de publicidade, e puidemos interactuar a través de xogos e gafas de realidade virtual. Encantounos a fotografía que nos fixemos na moto de Marc Márquez.

7. Sala de degustación

Como o bo se fai de esperar, a penúltima sala estivo dedicada á degustación. Fixemos unha cata a cegas e probamos na barra algunhas cervezas. Ademais, tamén puidemos ver como se debe tirar unha cervexa para que conserve o sabor irrepetible de Estrella grolo a grolo.

8. Tenda Estrella Galicia

Rematamos a visita acudindo á tenda de Estrella Galicia, onde nos deron un agasallo final. Unha visita de 10!

Deixámosvos algunhas fotos 🙂